Vig-Sec Drone pecha unha rolda dun millón de euros para acelerar a automatización da súa tecnoloxía
mércores, 10 de decembro do 2025
A compañía galega Vig-Sec Drone, especializada na xestión avanzada do espazo aéreo e na integración segura de drons en contornas críticas, pechou unha rolda de investimento de 1 millón de euros. A operación, liderada por Encomenda Capital, Lugo Transforma, XesGalicia e Vigo Activo, impulsará a madurez tecnolóxica da empresa, acelerará a automatización mediante IA e reforzará a expansión internacional de Suite ACRE, a súa plataforma de control dinámico do espazo aéreo.
“Esta rolda consolida unha etapa decisiva para Vig-Sec Drone. A nosa tecnoloxía xa opera en escenarios reais de defensa e emerxencias, e agora avanzamos cara a unha automatización intelixente con intelixencia artificial, mantendo sempre a supervisión humana para garantir o rigor operativo en misións críticas”, explicou o seu director executivo (CEO) e fundador, Rubén Gil Fontán.
Suite ACRE (Área de Control Restrinxido de Emerxencias) é un sistema Emergency UTM con aplicación dual (civil e militar) capaz de monitorizar e reconfigurar o espazo aéreo en tempo real, integrando aeronaves tripuladas, vehículos aéreos non tripulados e sensores terrestres ou marítimos nunha única contorna visual e operativo.
A súa madurez tecnolóxica xa foi posta a proba en escenarios reais de alta esixencia, onde Vig-Sec Drone logrou, nas súas palabras, “fitos inéditos en España”, entre eles “a validación da plataforma en coordinación con helicópteros do Ministerio de Defensa, demostrando a súa capacidade para xestionar espazos aéreos compartidos en misións críticas”.
A empresa participou tamén en exercicios multinacionais en Eslovaquia onda a BRILAT, onde acreditou a interoperabilidade da súa tecnoloxía en escenarios aliados. Ademais, integra sistemas de defensa que permiten detectar aeronaves non colaborativas, e foi seleccionada no exercicio ATLAS 25 do Ministerio de Defensa como unha das compañías responsables da xestión simultánea de aeronaves tripuladas e non tripuladas.
Nesta nova fase de desenvolvemento, incorporarase intelixencia artificial embarcada para anticipar conflitos aéreos, optimizar roteiros e resolver situacións de risco en tempo real. Todo iso articúlase baixo un modelo man in the loop, no que o operador mantén a supervisión e validación final das decisións, “garantindo rastrexabilidade, rigor e seguridade en todas as operacións”.
“Continuamos avanzando na nosa folla de ruta estratéxica coa aliñación da nosa plataforma aos estándares da OTAN e a EASA, un paso clave para facilitar a súa adopción en ecosistemas europeos e aliados”, informou a firma galega, engadindo que tamén convidada a participar no programa Forza 2035, no que o Exército de Terra avalía as tecnoloxías que definirán o futuro operativo da Defensa.
Con sedes en Lugo e Nigrán, e tras pasar de dous fundadores en 2022 a máis de 17 profesionais, a firma galega afronta esta nova etapa co obxectivo de converter a súa tecnoloxía “nun estándar global para a xestión segura do espazo aéreo” e reforzar o seu posicionamento como “actor estratéxico en defensa e emerxencias”.
