Vigo convértese no primeiro campus español en dispor dun servizo de vehículo autónomo conectado

venres, 23 de xaneiro do 2026 S. P.

Vigo será o primeiro campus en España en dispor dun servizo de vehículo autónomo e conectado que poderá ser utilizado por toda a comunidade universitaria para os seus desprazamentos entre edificios. Así se fixo saber este xoves 22 de xaneiro na presentación en Vigo dos detalles do proxecto piloto de ciberseguridade do vehículo autónomo sobre rede 5G.
O acto contou coa intervención do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, Luis Moreno; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, e o director de AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, en representación de tres das entidades participantes nun proxecto ao que todos se referiron como “magnífico exemplo” de colaboración entre administracións.
Segundo fixeron saber, o vehículo foi desenvolvido integramente en Galicia e conta con capacidade para 8 persoas. Ademais, sinalaron, “non só facilitará o traslado entre edificios, senón que permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións moi variables”.
A idea é que a lanzadeira comece a funcionar o vindeiro 2 de febreiro, pero a súa estrea realizouse xa este xoves cun pequeno itinerario entre a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a praza Erasmo no que participaron as autoridades asistentes á presentación, quen, unha vez feito o percorrido o valoraron como “unha experiencia moi satisfactoria”.
Os encargados de dar os detalles do proxecto foron os seus investigadores principais: Felipe Gil e Ana Fernández Vilas, do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, xunto co director da División de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte do CTAG, Francisco Sánchez Pons.
Gil explicou que este proxecto se levou a cabo ao abeiro do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica, Retech, grazas ao acordo asinado pola Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia( Amtega), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) para o desenvolvemento conxunto de actividades relacionadas coa ciberseguridade, a conectividade vehicular e o transporte intelixente.
“Ao abeiro deste convenio desde a UVigo estamos a construír un laboratorio relacionado con comunicacións 5G/6G e ciberseguridade que estará aberto a terceiros e no que, precisamente, se busca crear escenarios de experimentación nos que probar as boas prácticas de ciberseguridade relacionadas coas comunicacións e o transporte intelixente”, indicou o investigador, ao que engadiu que unha destas liñas de actuación é, precisamente, a relacionada cos vehículos autónomos.
O shuttle conectado (vehículo lanzadeira eléctrico e autónomo) estará operando, a modo de proba piloto, a partir do vindeiro 2 de febreiro e ata o mes de xuño, cinco meses nos que funcionará realizando un circuíto circular fixo de 3 quilómetros de extensión que poderá empregar calquera membro da comunidade universitaria e para o que, en principio, hai habilitadas seis paradas: Reitoría/biblioteca, CC Económicas, CITEXVI, CC Experimentais, CINTECX e EE de Telecomunicacións.
“Desde o punto de vista do uso, empregarase ese período piloto para a recollida datos de uso e frecuencias e así poder ir axustando o percorrido e horarios ao que demande a comunidade universitaria”, explicou Ana Fernández Vilas, quen salientou a importancia dun proxecto que converte o campus de Vigo “nun gran banco de probas de transporte intelixente e ciberseguridade”.
Así mesmo, Gil fixo fincapé en que a UVigo está a desenvolver unha rede experimental de conexións 5G e 6G que vai cubrir todo o campus, o que lle proporciona á lanzadeira conectividade directa. Nesta liña, indicou que o vehículo irá equipado con diferentes cargas útiles que permitirán a realización de múltiples probas que “en ningún momento afectarán ao servizo nin á seguridade do sistema”. A maiores, tamén se apuntou que, se ben o circuíto xa está deseñado, ao longo das vindeiras semanas faranse diferentes probas de uso -horarios e paradas- e, dependendo dos datos de uso que se vaian rexistrando por parte da comunidade universitaria, irase optimizando o servizo, explicou o investigador, quen admitiu “non constarlle outros lugares onde se estean a facer probas similares”.
Por parte do CTAG, Francisco Sánchez Pons, explicou que esta lanzadeira, na que sempre vai estar presenta a figura do supervisor, é o primeiro vehículo en España co selo da Dirección Xeral de Tráfico para operar en contornas abertas, o que lles permitiu xa realizar unha primeira proba piloto na Casa de Campo de Madrid, “de menor duración que á que se vai realizar aquí en Vigo, onde agardamos que se poida converter nun servizo”.
A participación da Universidade de Vigo no programa Retech artéllase en catro grandes casos de uso: un dirixido a integrar a tecnoloxía QKD en infraestruturas 5G/6G para protexer os datos fronte as ameazas da computación cuántica; outro relativo á industria conectada, tamén na liña de garantir operacións seguras e en tempo real de redes 5G/6G na industria; o terceiro ten que ver co uso da intelixencia artificial para apoiar conexións de conectividade e seguridade, e o cuarto está relacionado coas tecnoloxías de comunicación vehicular.