Vitae comeza o ano coa 4ª edición do seu curso sobre IA Xenerativa e RRHH
martes, 30 de decembro do 2025
A consultora galega Vitae, referente galego e estatal no adestramento avanzado e actualizado de profesionais das TIC, vai comezar o ano con varias frontes formativas centradas na IA, nas metodoloxías áxiles, no desenvolvemento de software e na ciberseguridade, entrou outros ámbitos. Na listaxe de actividades inclúese a cuarta edición do curso Uso da IA Xenerativa para a Avaliación e Selección de Perfís TI. Terá 12 horas de duración e celebrarase os días 20, 22, 27 e 29 de xaneiro. O obxectivo será achegar recursos ás/aos profesionais de recursos humanos (RRHH) para facilitar o seu día a día, poñendo o foco na IA Xenerativa, que é o concepto que engloba as ferramentas de IA para crear contido, como texto, imaxes, música, audio e vídeos.
Amosarase polo miúdo o potencial destas novas tecnoloxías para “axudar a simplificar a complexidade e o traballo, tanto do deseño como da execución dos procesos de selección e avaliación do desempeño dos profesionais”.
Amais, porase o foco nos instrumentos obxectivos de apoio avalados pola literatura científica, básicos para o bo uso (responsable, racional) da IA xenerativa. Trátase de respostas concretas e específicas que capacitarán aos asistentes sobre a maneira correcta e acertada de empregar a IA Xenerativa e “realizar as súas análises e conclusións sen alucinacións nin erros”.
Neste curso aprenderase a “adestrar” á IA Xenerativa para elaborar e deseñar perfís, dar forma ás competencias do perfil coas súas condutas clave, elaborar entrevistas ECO e ECE, crear mostras de de traballo e probas situacionais, xerar transcricións das entrevistas a texto para analizalas en profundidade coas ferramentas de IA Xenerativa e elaborar informes detallados e personalizados.
Incluiranse casos prácticos con perfís de operación como técnicos e perfís de xestión como xefes de proxectos. Empregaranse ferramentas IA gratuítas como ChatGPT, Gemini, Deepseek, NotebookLM e LM Studio para ver todas as súas posibilidades e, segundo informa Vitae, “non serán precisos servizos de pago para seguir o curso e realizar as prácticas, aínda que se recomenda contratar algunha ferramenta de pago polo menos durante o curso, como ChatGPT”.
Amais, comentaranse os aspectos legais do uso da IA Xenerativa nos recursos humanos e concretamente na avaliación e selección de profesionais.
O curso será impartido por Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.
