Volven os Cafés con Ciencia de Ártabro Tech e a UDC
venres, 6 de marzo do 2020
A
tecnolóxica galega Ártabro Tech e a Universidade da Coruña veñen
de unir forzas, novamente, para facer divulgación
tecnolóxico-científica ao estilo dos clásicos faladoiros que
levaban as luces dos campus a cafeterías, casinos, auditorios,
ateneos e demais. Unha vez máis, e
logo das frutíferas experiencias do ano pasado (un éxito de
asistencia e participación), os campus estenderán o
radio de acción ao Casino Ferrolán, en virtude desta nova
colaboración entre Ártabro Tech e a UDC. Estamos
a falar do ciclo Cafés con Ciencia, que se reactivan este
vindeiro mércores 11 de marzo.
Farano
coa conferencia Tomografía muónica: unha ollada ao interior da
materia, que pronunciará o doutor en Física Pablo Martínez a
partir das 19.30 horas. Antes servirase un café ao público na sala
de conversas.
A
vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC,
María Jesús Movilla, e o CEO de Ártabro Tech, Alejandro
Casteleiro, presentaron o programa este venres 6 de marzo, nun acto
no que estiveron acompañados por Susana Martínez Galdós,
presidenta do Casino Ferrolán.
Na
cita, Casteleiro salientou a excelente acollida que tiveron
anteriores conferencias e subliñou que o espírito do ciclo é
“amosar á sociedade os beneficios que ten a investigación, así
como poñer en valor os excelentes investigadores que saen das
universidades públicas españolas e o traballo que tamén fan as
empresas a prol do I+D”.
A
vicerreitora, María Jesús Movilla, celebrou que actividades como
esta permitan conectar á universidade coa sociedade. “A
universidade ten que amosar a súa responsabilidade social, e este
ciclo o que fai é compartir o coñecemento coa sociedade ferrolá”,
destacou.
Primeira
conferencia
O
tema que se vai abordar na primeira conferencia do novo ciclo é a
tomografía de muóns, en palabras da UDC e Ártabro Tech “unha
tecnoloxía moi innovadora e con grandes aplicacións en moitos
ámbitos”. Trátase, engadiron, “dunha técnica que permite
analizar a materia no interior de obxectos de grandes dimensións,
algo así como facer unha radiografía a cousas enormes sen empregar
radiación artificial e perigosa”.
Pablo
Martínez Ruíz del Árbol (Santander, 1982) é co-fundador de Muon
Systems, primeira e única empresa en España adicada á aplicación
desta técnica no eido industrial. Actualmente é investigador Ramón
y Cajal no Instituto de Física de Cantabria e ten máis de 15 anos
de experiencia liderando proxectos de física de altas enerxías no
CERN.
Outros
relatores
A
falta de pechar a data exacta do resto das conferencias, na
presentación de hoxe adiantáronse o resto dos relatores do ciclo,
que incluirá un total de catro.
-Víctor
de Ávila, director de Estrategia y Desarrollo de Sacyr, que o pasado
ano recibiu o premio CIO of the Year Europe, participará no
ciclo no mes de maio.
-Clara
Grimá, unha prestixiosa matemática cunha destacada faceta
divulgadora, pronunciará unha conferencia en xuño.
-Bruno
Casal, físico de Partículas, pronunciará unha charla en outubro e
falará do seu traballo actual no eido da detección do fraude en
transaccións.
As
charlas serán sempre ás 19.30 horas.