Ártabro Tech abre este xoves en Ferrol o ciclo Café con Ciencia

mércores, 6 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Fachada do edificio do Casino de Ferrol, sede da actividade

O responsábel de Machine Learning na firma innovadora galega Ártabro Tech, Miguel Vidal Maroño, será o primeiro conferenciante do ciclo Café con Ciencia que promoven a Universidade da Coruña e a devandita empresa. A cita, aberta ao público, será este 7 de febreiro, a partires das 19:30 horas, na sala de conversas do Casino Ferrolán, a senlleira sala de conversas do Casino, con frescos do pintor Bello Piñeiro e por primeira vez aberta ao público en xeral.
O obxectivo do ciclo Café con Ciencia é “reivindicar a universidade española, na que se formaron todos as relatoras e relatores deste programa, moitos traballando agora en equipos de investigación ou departamentos de innovación de empresas no estranxeiro”.
Polo que respecta ao primeiro relator do programa, Miguel Vidal Maroño, responsábel de Aprendizaxe Máquina (Machine Learning) na nova firma innovadora Ártabro Tech, é doutor en Física de Partículas pola Universidade Complutense de Madrid e licenciado en Física pola USC. Desenvolveu o seu traballo doutoral no Fermilab, en Chicago, onde está o segundo acelerador de partículas máis potente do mundo, e despois pasou ao primeiro, no CERN (Xenebra), para integrarse no equipo de investigación do Bosón de Higgs. Formou parte, por tanto, do equipo científico que descubriu a chamada “partícula de Deus” e que mereceu o premio Nobel de Física no ano 2013.
No outubro pasado Miguel Vidal regresou á súa cidade natal, Ferrol, para integrarse na empresa Ártabro Tech e aplicar os seus coñecementos no desenvolvemento de solucións de Intelixencia Artificial.
Media ducia de conferencias
Seis conferencias, unha cada dous meses, comporán o ciclo Café con Ciencia. Os relatores serán profesionais destacados do eido científico e tecnolóxico e as súas intervencións terán un ton divulgativo. Segundo explicaron os días pasados os organizadores do programa, “a finalidade última será explicar o impacto positivo que a investigación básica ou aplicada, en cada un dos seus ámbitos de traballo, ten na vida cotiá e no avance, en xeral, da sociedade”.
Ademais de Miguel Vidal, o acto de hoxe serviu para adiantar os dous seguintes relatores. No mes de abril participará Covadonga Astorga Lloréns, doutora en Química pola Universidade de Oviedo e, desde o 2002, investigadora da Dirección de Enerxía, Transporte e Clima do Centro Común de Investigación da Comisión Europea. En xuño, o relator será Carlos de la Cruz García, doutor en Química Analítica e Nutrición e licenciado en Farmacia pola USC.

PUBLICIDADE