Western Digital incorpora pantallas de papel electrónico aos seus discos duros externos
mércores, 7 de outubro do 2009
Western Digital está a renovar os seus discos duros externos, destacando
o feito de que a varios dos mesmos incorporoulles unha pantalla
intelixente na que pode crearse unha etiqueta personalizada que
lembre o que ten almacenado cada unidade incluso cando está apagada (emprega
tecnoloxía de papel electrónico). Os discos My Book Studio e My Book Elite serán
os que gocen desta rechamante prestación.
O My
Book Elite véndese en tamaños de entre 640 Mb e 2 Tb, inclúe o
software de copias de seguridade SmartWare e permite o uso de encriptación de
256 bits para protexer os datos almacenados no disco.
Pola súa banda, o My
Book Studio está pensado no seu uso en ordenadores de Apple, estando
dispoñible en tamaños de 1 ou 2 Tb e contando con conectividade USB 2.0 e
FireWire 800. Esta unidade vén formatada para o seu uso en Mac, é compatible
con Time Machine e tamén inclúe o software SmartWare e as posibilidades de
encriptación do My Book Elite (de xeito que podemos entendelo como unha versión
do mesmo adaptada para Mac).