Witdom amosa esta semana en Vigo os seus resultados finais a prol dunha nube segura para datos sensíbeis

luns, 16 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Unha das xuntanzas dos investigadores de Witdom celebrada en Vigo/ Imaxe de GCiencia

O proxecto Witdom, posto en marcha en xaneiro de 2015 co obxecto de avanzarmos no procesado seguro de datos xenómicos na nube (e coa finalidade de facilitar cousas como a detección temperá de doenzas xenéticas, entre outras aplicacións), segue a ser fonte de importantes novidades tecnolóxicas, logo dos achados dados a coñecer o ano pasado en materia de protección para os datos xenéticos en liña e da folla de ruta (presentada en 2015) para a procura de mecanismos que garantan unha nube onde todo estea baixo chave, mesmo para os provedores da propia nube. Agora, Witdom encara o seu último treito de traballo (a recta final da recta final) fornecendo de respostas claras e avances cen por cen visíbeis. Respostas e avances dos que se vai facer reconto esta semana en Vigo, na sede de Gradiant. Entre estes pasos adiante figura unha aplicación de referencia que se está a demostrar con dous pilotos nas áreas do procesado privado de datos xenómicos e a externalización segura de servizos financeiros.
Witdom (empoWering prIvacy and securiTy in non-trusteD envirOnMents), para quen non o saiba, é unha investigación europea, de carácter público-privado, centrada na protección de datos sensíbeis na nube e que contou cun financiamento de case 4 millóns de euros, dos que de euros 2,8 proviñan da Unión Europea no contexto do programa H2020. Arrancou en xaneiro de 2015 co obxectivo devandito de administrar mecanismos que asegurasen unha contorna segura e fiábel para os datos científicos. O consorcio internacional impulsor de Witdom é unha fronte de investigación coordinada pola empresa de servizos dixitais Atos España, coa participación de sete socios europeos, entre os que se atopa a Universidade de Vigo (e incluíndo a participación directa do Centro Tecnolóxico Gradiant).
Lilian Adkinson, investigadora de Gradiant, explica que Witdom “permite despregar servizos que procesan datos sensíbeis de forma segura e privada na nube”. Para iso, o consorcio do proxecto desenvolveu unha serie de mecanismos, tanto criptográficos como non criptográficos, que posibilitan protexer a seguridade e privacidade da información de especial relevancia e con necesidades específicas de coidado e salvagarda. Segundo apunta Adkinson, ao seu abeiro “tivéronse en conta todas as consideracións legais das normativas europeas de protección de datos”. A investigadora, neste punto, refírese en boa medida ao regulamento europeo General Protection Data Regulation (GPDR), que será de obrigado cumprimento para os países membros a partir de maio de 2018, impoñendo unha serie de restricións á hora de colleitar, almacenar e procesar datos persoais. A “boa nova” é que este regulamento pon en xogo unha serie de requirimentos para empresas e entidades cuxo coñecemento verase facilitade e fortalecido con recursos como os que achega Witdom. Así nolo explica Lilian Adkinson: “Un proxecto como Witdom resulta de gran axuda para as empresas e entidades que xestionan datos persoais, xa que ofrece un framework que protexe estes datos mediante diferentes mecanismos, tendo en conta non só requisitos técnicos senón tamén os aspectos legais impostos pola GPDR”.
Máis detalles
A investigación desenvolvida ao abeiro de Witdom permitiu deseñar un marco para a protección extremo a extremo de información en contornas de confianza non probada ou garantida, como poden ser os servizos de almacenamento na nube que ofrecen a día de hoxe algúns provedores de Internet; e enfócase principalmente cara a dous escenarios clave como son o ámbito da saúde e os servizos financeiros.
Witdom conta coa participación de sete socios europeos, desde universidades ata usuarios finais (hospitais e bancos), pasando por representantes industriais. Gradiant participa nesta iniciativa europea como entidade asociada á Universidade de Vigo, achegando a súa experiencia no deseño e desenvolvemento de tecnoloxías de anomizado e dun cloud broker. O anomizado (ou anomización), para quen non o saiba, consiste basicamente en expresar un dato relativo a entidades ou persoas eliminando a referencia á súa identidade.
Durante o desenvolvemento do proxecto no que participan a UVigo e Gradiant deseñouse tanto a metodoloxía para identificar os requisitos de privacidade e seguridade, como a arquitectura da plataforma de Witdom, materializándose diferentes tecnoloxías para protexer os datos, como o procesado seguro de sinal, recursos de data masking e de salvagarda de datos sensíbeis e técnicas de cifrado homomórfico e verificación de integridade de datos externalizados.
Na fase final do proxecto, as accións focalízanse na validación das tecnoloxías a través da súa aplicación en experiencias piloto aplicadas ao ámbito da eSaúde e ao sector financeiro. Concretamente, no escenario financeiro, os expertos de Gradiant aplican as técnicas desenvolvidas en tres casos determinados: risk scoring, fraud detection e cashflow prediction. “Nos tres casos de uso expostos”, engade Lilian Adkinson, “procésanse datos sensíbeis que esixen altas demandas de cómputo, polo que moitas entidades externalizan estes procesos nunha nube pública; o noso labor céntrase en desenvolver os algoritmos de anonimizado que nos permitan protexer os datos antes de envialos a esa contorna pública, onde se executarán eses tres procesados sobre os datos xa anonimizados, garantindo así a súa privacidade”.
Xuntanza final esta semana en Vigo
Gradiant acolle esta semana a última reunión de consorcio do proxecto Witdom. A sesión, cuxa organización rotou entre os socios do proxecto (pasando por Madrid, Milán, Liubliana, Zúric, Lovaina e Santa Cruz de Tenerife), terá lugar desde o martes 17 ata o xoves 19 de outubro na sede de Gradiant (edificio CITEXVI) para revisar os avances en todos os seus ámbitos e tomar decisións sobre a dirección do mesmo, agora que o proxecto atópase na súa fase final. Así, daranse cita en Vigo representantes de todos os socios do consorcio: a Universidade de Lovaina (Bélxica), IBM (Suíza), XLAB (Eslovenia) o Centro de Investigación Xenómica da Fondazione Centro San Raffaele (Italia), BBVA (España), a Universidade de Vigo e Atos España, líder do proxecto.

PUBLICIDADE