X sométese ao Tribunal Supremo do Brasil

luns, 23 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A prohibición de X no Brasil por mor da desobediencia a ordes xudiciais do Tribunal Supremo e a falla de representación legal no país vai camiño de levantarse, pois a compañía de Elon Musk manifestou a súa intención de volver á legalidade, acatando as ordes xudiciais anteriores e restaurando ao despacho de avogados que representaba anteriormente a X no Brasil (polo que a representante da compañía volvería ser Rachel de Oliveira Villa Nova Conceição).
O levantamento da prohibición estaría pendente da presentación formal da documentación que confirme o nomeamento da representación legal de X no Brasil, para o que o Tribunal Supremo fixou o pasado sábado un prazo de 5 días, dando a entender que o regreso oficial de X ao territorio brasileiro será inminente.
Aparte do nomeamento da representación legal, X tamén deberá satisfacer as multas que ten pendentes polos incumprimentos previos, quedando por determinar se o incidente da semana pasada (o uso de Cloudflare, facilitando o acceso a X dende o Brasil) suporá tamén novas sancións (aínda que aseguran ter sido un suceso accidental).
Queda agora por ver como afecta o regreso de X a Bluesky, plataforma que disparou o seu uso nas últimas semanas, con millóns de novos usuarios chegando dende o Brasil, que tanto poden adoptar a plataforma como novo fogar, como poden abandonala completamente ao recuperar o espazo ao que xa estaban afeitos.