Xa podemos presentar ao catálogo Ler Conta Moito 2026 propostas innovadoras de dinamización lectora

mércores, 24 de decembro do 2025 S. P.

Este 23 de decembro abriuse o prazo para que aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas á dinamización cultural se inscriban no catálogo Ler Conta Moito 2026 que servirá para programar actividades nas bibliotecas públicas.
O Diario Oficial de Galicia publicou os requisitos que deben cumprir para incorporar as súas propostas a este programa de maneira que poidan ser seleccionadas por estes equipamentos na súa oferta cultural.
Trátase dunha convocatoria coa que a Secretaría Xeral da Lingua (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude) busca seguir fomentando “accións de animación á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vencelladas aos intereses dos distintos colectivos, e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios”.
Máis polo miúdo, con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como “espazo de relación, aberto e participativo”, e como “axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión, e consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas de calidade”.
As actividades estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura promovendo a lectura, a escritura ou a creación artística; así como o pensamento crítico, a innovación e a creatividade. Ademais, as accións deben ir encamiñadas á construción social participativa, igualitaria e inclusiva.
Neste senso, as categorías dos proxectos estarán relacionadas con obradoiros, tales como os dirixidos á escritura, ilustración ou tecnoloxía, entre outras modalidades; coa narración oral, incluíndo contacontos, lecturas en voz alta ou recitais; coa divulgación do coñecemento, a nivel científico, social ou cultural; co audiovisual, abranguendo proxeccións, audicións ou ciclos de cine e música; coa creación de contidos dixitais; coas artes escénicas, como a música, o teatro ou a danza; con exposicións de moi diversas temáticas, ou con rutas e itinerarios guiados por escenarios literarios ou espazos de interese cultural.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 26 de xaneiro de 2026 accedendo á plataforma do programa Ler Conta Moito no portal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e cubrindo o formulario de alta de actividades do catálogo.