Xa se coñecen as gañadoras do certame de vídeos Enreguéifate 2026 (novena edición)
venres, 20 de marzo do 2026
A iniciativa Enreguéifate volveu confirmar a súa boa acollida na nova edición do seu certame de regueifas en vídeo, que pechou a convocatoria cun total de 84 audiovisuais inscritos entre as dúas categorías do concurso, escolar e xeral. Segundo explicaron os concellos organizadores, a diversidade das propostas recibidas “pon de manifesto a capacidade dos xéneros de improvisación oral en galego para adaptarse, medrar e conectar coas novas xeracións”.
Como en edicións anteriores, o certame —impulsado polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo— outorgou oito premios en cada categoría, recoñecendo a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
O xurado estivo composto por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Laura Gil, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa e Conchi Cochón, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.
Os galardóns entregaranse o xoves 16 de abril, ás 11:45 horas, nunha gala no Teatro Principal de Pontevedra e a relación de vídeos premiados poden verse na web do certame.
Categoría xeral
Regueifa máis brava: Regueifeiras do CIOV - Saúde e lingua!, de Vigo.
Regueifa máis aguda: Arrieiro e Chaminho - Reguei-FIT-eiros, de Cambre e Malpica.
Regueifa máis diversa: R5 Aeroliñas Regueifeiras - Viaxes improvisadas, da Escola da Regueifa de Carballo.
Regueifa máis reivindicativa: Reporteiros regueifeiros - Regueifa informativa, de Pontevedra.
Regueifa mellor cantada: Coros Virxe da Renda e Casa Rosada - A vida con humor, de Poio.
Regueifa mellor falada: Familia V.A. - Flores e cores, de Santiago de Compostela.
Regueifa máis inclusiva: Teiseiros regueifeiros - O home contra a máquina, do Centro de Inclusión Fundación de Santa Cruz en Vigo.
Regueifa máis entroideira: Regueifeirxs do Entroido - Regueifa do Entroido, de Santiago de Compostela.
Categoría escolar
Regueifa máis brava: Os fervellasverzas - A mocidade anda nas verzas, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo de Carballo.
Regueifa máis aguda: Astrovacas - Misión Onomástica, do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela.
Regueifa máis diversa: Lopeiros - Regueifa universal, do CEIP Plurilingüe Lope de Vega de Vigo.
Regueifa máis reivindicativa: Pois Disque Cantamos - A regueifa é mundial, do IES de Melide.
Regueifa mellor cantada: Regueifando en Dodro - Antes ou agora?, do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.
Regueifa mellor falada: Regueifeiras da Chá - Churras, churras, churras!, do IES Basanta Silva de Vilalba.
Regueifa máis inclusiva: As e os regueifeiros do Quiroga, 4º C - Un día con nós, do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios de Santiago de Compostela.
Regueifa máis entroideira: Faísca Bergantiñá - Duelo de Entroido: Valenza vs. Rececinde, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
Máis actividades
Alén do certame de vídeo, o Enreguéifate levou a cabo entre novembro e febreiro máis de cen obradoiros escolares en centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto. Foron encontros dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO, dinamizados por referentes e profesionais da regueifa como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo co obxectivo de divulgar os xéneros de improvisación oral en galego e construír comunidade na nosa lingua entre a xente moza.
Segundo explicaron os concellos organizadores do certame, “a cifra de obradoiros, sumada á participación, semella confirmar que a regueifa goza de boa saúde. Este xénero centenario demostra unha vez máis a súa capacidade para se adaptar, medrar e conectar con novas xeracións. A palabra improvisada segue a ser, hoxe, un espazo de encontro, creación e transmisión cultural”.
