Xbox Cloud Gaming chega oficialmente a navegadores web

luns, 28 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O xogo na nube de Microsoft dá oficialmente un importante salto, e Xbox Cloud Gaming xa está dispoñible de xeito oficial para todos os membros de Xbox Game Pass Ultimate con PC Windows 10 e teléfonos e tabletas de Apple, a través do navegador web (lembremos que está previsto que baixo Windows vaia poder realizarse o streaming de xogos a través da aplicación de Xbox). Deste xeito, os subscritores do servizo poden visiitar en navegadores Edge, Chrome ou Safari en ordenadores e dispositivos móbiles o enderezo xbox.com/play para poder gozar de máis dun cento de xogos a través de streaming.
Amais, o xogo na nube tamén incrementou a súa potencia estes días, de xeito que en vez de estar baseado en máquinas Xbox One agora ten como referencia o hardware de Xbox Serie X, permitindo gozar de tempos de carga máis rápidos, taxas de fotogramas melloradas e unha experiencia de xogo de nova xeración, aínda que cómpre salientar que para garantir unha boa latencia e unha boa calidade de imaxe na meirande parte de dispositivos limitan o streaming a 1080p e 60 imaxes por segundo.
Este servizo continuará a mellorar paulatinamente, e espérase que antes de que remate o ano estree un accesorio semellante a un Chromecast para poder gozar de xogos de consola sen ter tal máquina, á vez que tamén se espera que varios televisores reciban unha aplicación que permita gozar directamente dos xogos de Xbox precisando unicamente un mando e conexión á Rede para poder xogar.

PUBLICIDADE