Yelmo anuncia a dixitalización ao cen por cen das súas salas galegas
martes, 4 de outubro do 2011
Yelmo Cines, empresa española con
espazos de exhibición na Coruña e Vigo, vén de informar da dixitalización das máis
de 400 salas que ten ao longo e ancho do territorio estala, das que 21
pertencen á cidade herculina (Os Rosales e Espazo Coruña) e 10 a Vigo (Yelmo
Cines Vigo). Este proceso significa, entre outras cousas, o paso definitivo
dunha tecnoloxía, a analóxica (en formato 35 mm, coas bobinas de película en
celuloide que acompañaron a historia do cinema), a outra, a dixital, a que
favorece, entre outras cousas, a desaparición de raias, empalmes e defectos de
son (aínda que isto, todo hai que dicilo, tamén tiña o seu aquel).
Segundo informa a compañía, Yelmo Cines é o primeiro grupo en ofrecerlle ao
público a dixitalización ao 100% dos seus proxectores, que arestora son 400
emprazados en 34 cinemas. O obxectivo desta aposta, engade a empresa, é “achegar a mellor experiencia de cine posible,
subministrando unha calidade de imaxe coa maior resolución e un son insuperábel”.
Cun investimento de 120.000 euros por
sala, a día de hoxe unha boa cantidade dos cinemas da cadea teñen calidade 3D, “un feito que significa importantes melloras
tanto para a industria como para o espectador”, sosteñen fontes da empresa.
Estes son, segundo apunta a firma, os piares que sosteñen a nova
tecnoloxía:
· Calidade constante. “En 35 mm era
inevitábel que un filme perdese calidade tras 25 pases, xa que os materiais
teñen un desgaste nas máquinas analóxicas e aparecen manchas; agora, grazas ao
dixital e á alta definición, calquera contido pode reproducirse durante 10 anos
seguidos sen perder claridade de imaxe e de son”.
· Flexibilidade na programación. A dixitalización, di o grupo, facilita a
xestión da programación nos cines, “xa
que cos novos soportes e servidores pódense proxector unha gran variedade de
contidos así como ampliar os horarios”.
· Diversidade de contidos. Coa nova tecnoloxía “pódese emitir en directo todo tipo de eventos culturais e deportivos”.