Disney+, Hulu e Max poderán contratarse xuntos nos EE.UU.

xoves, 9 de maio do 2024 Marcus Fernández

A explosión das plataformas de streaming provocou unha guerra na que daba a impresión de que todos perdían, e a única compañía que parece estar a manter unha posición firme é a pioneira Netflix, de aí que os seus competidores teñan que tecer estratexias conxuntas para poder competir, como a alianza á que veñen de chegar Disney Entertainment e Warner Bros. Discovery nos EE.UU., a través da que comercializarán conxuntamente Disney+, Hulu e Max.
Deste xeito, os consumidores poderán contratar de xeito conxunto tres grandes plataformas de streaming a un prezo competitivo, contando así cos contidos de marcas como ABC, CNN, DC, Discovery, Disney, Food Network, FX, HBO, HGTV, Hulu, Marvel, Pixar, Searchlight, Warner Bros. e moitas outras. O paquete coas tres plataformas estará dispoñible para a súa contratación a través das páxinas web dos 3 servizos, e permitirán a súa contratación con e sen publicidade.
Polo momento descoñécese se a nivel internacional realizarán alianzas semellantes. En calquera caso resulta bastante rechamante que Warner Bros. Discovery estea a defender a súa plataforma de streaming cando nos últimos meses fixo xusto o contrario, ofrecendo boa parte dos seus contidos anteriormente exclusivos a terceiros, co detalle de que en plataformas alleas conseguiron moito maior impacto que na propia.

PUBLICIDADE