YouTube permítenos repasar o máis destacado de 2025

martes, 2 de decembro do 2025 Redacción

Cando remata o ano é xa tradición que as principais plataformas fagan un repaso do acontecido nos últimos meses, o que no caso de YouTube é un bo xeito de lembrar os temas, os creadores, a música e os podcasts que causaron sensación, aínda que non podemos evitar comentar que este ciclo foi bastante tópico, de xeito que nos EE.UU. destacan o éxito de El Juego del Calamar, do creador de contidos MrBeast e, no apartado musical, de temas de Bruno Mars e do filme Las guerreras K-pop.
Podiamos dicir que de xeito xeral temos un ano con poucas sorpresas, pero como novidade por parte de YouTube, nesta ocasión poderemos botar unha ollada en particular, xa que vai permitir que vexamos o noso propio Recap.
Dende hoxe, os usuarios nos EE.UU. poden ver o seu Recap de YouTube de 2025, funcionalidade que chegará ao resto do mundo ao longo da presente semana, e que ofrece un xeito de repasar o máis destacado das nosas reproducións de vídeo. Este repaso de 2025 indicará as canles que máis consumimos, os nosos intereses e ata a evolución dos hábitos de visualización. E no caso de que escoitásemos música en YouTube, tamén se detallarán os artistas e as cancións que máis escoitamos.
Deste xeito, o repaso anual de YouTube xa non serve só para amosar tendencias de mercado, senón que tamén serve para lembrar o que deu de si o ano en cada caso particular, na mesma liña do que fan (con bastante éxito) plataformas como Spotify.