Zeltia Lado enxalza a formación avanzada que ofrece o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
xoves, 6 de xuño do 2024
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou na tarde deste 6 de xuño a sede do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), onde comprobou de primeira man o resultado das accións formativas que están a servir para captar e reter talento no sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da nosa Comunidade. Segundo dixo, no presente curso 2023/2024 están programadas máis de 200 accións arredor das temáticas máis demandadas como por exemplo ciberseguridade, servizos na nube ou Intelixencia Artificial. Do dito número de cursos, xa se teñen realizado máis de 160 no CNTG, emprazado no barrio de Conxo de Santiago.
A directora xeral departiu con profesorado e alumnado dos cursos presenciais que se estaban a desenvolver no centro nese momento. En concreto, na actualidade impártense nove cursos, catro en modalidade presencial (sobre desenvolvemento na nube, administración de sistemas Linux e ciberseguridade), catro en modalidade virtual (sobre desenvolvemento web, desenvolvemento de aplicacións móbiles, deseño de sistemas na nube e ferramentas de desenvolvemento e administración de sistemas) e un en modalidade de teleformación (sobre administración avanzada de sistemas).
Así mesmo, Zeltia Lado asistiu a un dos relatorios do seminario Dixitalización e competitividade: casos e aplicación para mellorar a eficiencia nas pemes, a cargo do experto en innovación Alfons Cornellá. Esta sesión forma parte das actividades destinadas a dar a coñecer as oportunidades que aporta a tecnoloxía para a mellora da competitividade das empresas.
Programa formativo
Entre setembro de 2023 e decembro de 2024, o CNTG ten programados 115 cursos (50 en modalidade presencial, 48 en modalidade virtual, 9 en modalidade de teleformación e 8 en modalidade híbrida) cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos. Este programa está destinado tanto a persoas traballadoras do sector TIC galego como a persoas desempregadas interesadas en incorporarse a el.
No presente mes, ademais dos cursos en desenvolvemento, están previstos 12 seminarios técnicos sobre temáticas como a introdución á nube para desenvolvedores de aplicacións ou administradores de sistemas, tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain), Intelixencia Artificial, métricas no desenvolvemento de aplicacións, dixitalización e competitividade para pemes, técnicas avanzadas de desenvolvemento e posta en funcionamento de ditas aplicacións, etc.
Ata agora, lévanse celebrado 90 cursos con 1.830 prazas ofertadas, para as que se presentaron 6.248 solicitudes. Adicionalmente, desenvolvéronse 74 seminarios, nos que se inscribiron 2.524 persoas interesadas.
Atendendo á situación laboral das persoas formadas, un 67,32% son empregadas do sector privado, case un 19% desempregadas, un 10% traballadoras do sector público e un 3,71% traballadoras por conta propia.