Zuckerberg deixa numerosas cuestións sen responder na súa comparecencia no Parlamento Europeo

martes, 22 de maio do 2018 Marcus Fernández

Esta tarde Mark Zuckerberg compareceu ante o Parlamento Europeo nun encontro no que participaron o presidente Antonio Tajani e os líderes dos grupos do Parlamento Europeo, xuntanza que ía celebrarse a porta pechada pero que, tras numerosas críticas, solicitouse a Zuckerberg que accedese á súa retransmisión a través de streaming.
Esta sesión foi realmente breve (preto de hora e media), especialmente se consideramos que o fundador de Facebook testificou durante dúas sesións dunhas 5 horas cada unha ante as autoridades estadounidenses, de xeito que practicamente limitouse a unhas desculpas por parte de Zuckerberg, quen asegurou que estaban a traballar para mellorar a situación e corrixir os seus moitos erros, tras o que os parlamentarios fixeron unha serie de preguntas consecutivas que foron respondidas só parcialmente, comprometéndose Zuckerberg a respondelas máis adiante, facendo que a comparecencia carecese de transcendencia.
Entre as preguntas realizadas a Zuckerberg insistíase en que a actual situación de monopolio de Facebook debe cambiar, pedíanse medidas para combater o sexismo, acusábase a Facebook de ser unha plataforma parcial, preguntábase polos criterios para decidir que mensaxes deben ser eliminadas e moitas outras cuestións que na súa meirande parte quedaron no aire.
Especialmente crítico foi o belga Guy Verhofstadt, quen chegou a preguntar a Zuckerberg se quería ser lembrado como «o xenio que creou un monstro dixital que está a destruír as nosas sociedades e democracias» e deixou caer a posibilidade de emprender unha investigación para determinar se Facebook é un monopolio ou se tería que desprenderse de área de negocio como Messenger ou WhatsApp.

PUBLICIDADE