A Asociación Chuza! busca novo marco para desenvolver “con naturalidade” os seus proxectos

luns, 20 de xullo do 2015 Redacción

A Asociación Cultural Chuza! vén de emitir un comunicado no que achega algunhas claves sobre o seu futuro e o do servizo web que se impulsa dende o colectivo, Chuza.org. O comunicado é en si mesmo unha nova acción de protesta contra a vixente Lei de Propiedade Intelectual e a coñecida como Taxa Google, (Canon AEDE), unha disposición que grava as ligazóns en liña aos contidos dos medios de comunicación, creando unha compensación económica para editores de novas pola explotación no ámbito dos agregadores de novas na Internet (agregadores como Chuza!, precisamente). Segundo vén de apuntar o colectivo galego, por mor do estipulado nesta taxa a asociación esta fica definitivamente desprovista do sentido orixinal para o que fai creada. Cómpre, sinalan, un novo marco no que desenvolvermos.
Porén, engaden, a continuidade do servizo actual, radicado en Chuza.org, queda asegurada polo de agora debido a estar radicado en Alemaña. Sen embargo, a asociación ten vontade de iniciar un proceso para o traslado dos seus actuais proxectos (coma oQue.gal) a outra entidade de fins máis amplos na que “teñan cabida e poidan desenvolverse con naturalidade”. Por estas razóns, explican, “desde a AC Chuza facemos un chamamento tanto ás asociacións como aos particulares interesados en contribuír a mellorar a Rede galega de cara a unir esforzos, ben sexa criando novos colectivos ou uníndonos a algún xa existente”.
Ademais disto, tamén anuncian que oQue.gal pasa á seguinte fase. O sitio web é funcional, aínda que está en fase beta, “máis precisa colaboradores para dotar de contidos interesantes para os usuarios”.

PUBLICIDADE