A LaconNetwork regresa á Costa da Morte o vindeiro venres

luns, 24 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Imaxe do paseo en barco na anterior LaconNetwork que tivo lugar en Corcubión

A LaconNetwork, o “momento gástrico de cada último venres de mes dos albaneis da nube, emprendedores, Internet e cloud computing”, chega esta semana á súa edición número 22 retornando á vila de Corcubión, onde o ano pasado tivera lugar un dos encontros desta iniciativa máis destacado e lembrado, pois destacara por completar o xantar habitual deste tipo de eventos cun paseo en barco pola ría.
Desta volta é a axencia de marketing dixital Galinus, asentada en Corcubión dende hai 8 anos, a encargada de organizar este encontro gastronómico no que persoas do eido da tecnoloxía, a comunicación, a Internet e o emprendemento tecnolóxico xuntaranse nun xantar informal que busca servir de foro para a posta en común de recursos e proxectos. Para non repetir a experiencia de setembro de 2011, o vindeiro venres a organización opta pola terra, e tras o xantar no restaurante Praia de Quenxe de Corcubión, poderase participar nunha excursión que partirá en autobús da vila de San Marcos para ver de preto a Fervenza do Ézaro, coñecer algunha das lendas do Monte Pindo, e gozar do solpor dende a ensenada de Carnota, coa silueta do Promontorio Nerium como protagonista. A visita será guiada por especialistas da historia da Costa da Morte. A xornada rematará cunha Foliada no restaurante Praia de Quenxe, á que acudirán coñecidos músicos da comarca de Fisterra.
A LaconNetwork está aberta a quen desexe participar deste encontro, sendo preciso confirmar antes asistencia a través da súa páxina web (que como novidade, nesta ocasión permite realizar o pagamento do xantar e da excursión posterior, se procede).

PUBLICIDADE