A partir de outubro poderemos consultar en liña o estado no que se atopan os nosos procesos xudiciais

mércores, 31 de agosto do 2016 Redacción

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Avanzámolo hai unhas semanas dende Código Cero e agora o Goberno galego vén de lanzar un novo recordatorio da que sería a gran novidade galega TIC do remate do verán: a posta en marcha en outubro a sede electrónica xudicial da man da axencia AMTEGA e Vicepresidencia. Isto que tipo de vantaxes vai fornecer á cidadanía? Pois, basicamente, a e-sede serviranos como canle de comunicación electrónica segura coa Administración de Xustiza, complementando os servizos do portal eXustiza. En concreto, permitiranos consultar o estado no que se atopan as nosas demandas ou procesos xudiciais nos que sexamos parte.
Para saber en que fase se atopa o noso proceso só precisaremos identificarnos na sede cun certificado dixital ou co DNI electrónico.
Isto polo que atinxe á primeira fase dunha sede xudicial, que irá incorporando funcionalidades de maneira progresiva, como por exemplo a de podermos iniciar procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.
O obxectivo, lembra estes días AMTEGA, “é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial como a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, o acceso ao taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas, poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte”.
A sede xudicial estará accesíbel desde o portal xustiza.gal e, en palabras da axencia que dirixe Mar Pereira, “é unha das pezas clave da Xustiza sen papeis, un proceso complexo e progresivo, que se conseguirá unha vez que estea implantado o expediente xudicial electrónico”. Entre as pezas que compoñen o EXE están as comunicacións integramente telemáticas entre os axentes xudiciais, e o conxunto de sistemas e solucións tecnolóxicas que conseguirán que o ciclo vital dos documentos xudiciais sexa completamente dixital como o visor do expediente xudicial; a integración da sinatura electrónica nos sistemas de información de xuíces e fiscais; a consolidación dun repositorio xudicial único; o sistema de gravación de vistas eFidelius ou o sistema de videconferencias.

PUBLICIDADE