Abanca dá un novo paso no seu proceso de dixitalización coa súa nova sede de Madrid

xoves, 29 de setembro do 2016 Redacción

Abanca estrea este xoves a súa nova presenza en Madrid, unha sede corporativa que, en palabras da entidade financeira galega, “é unha clara mostra da transformación dixital” á que vén sometendo toda a súa operativa ao longo dos últimos anos. Igualmente, engade Abanca, constitúe en si mesma un significativo e referencial exemplo da súa aposta por implantar novos xeitos de traballar: unhas metodoloxías que se basean na axilidade, na flexibilidade e na colaboración. A sede está emprazada nun edificio histórico do número 4 do paseo de Recoletos: un inmóbel proxectado a finais do século XIX como casa-pazo do empresario e filántropo galego Ramón Plá Monje, que foi reformado na súa totalidade.
As dependencias contan cunha superficie de 3.700 metros cadrados distribuídos en cinco andares, baixo, sotos e garaxes. Concentrará os servizos e empregados de Abanca en Madrid. O edificio tamén conta cun espazo para mercados co obxectivo de potenciar as áreas de Tesourería, Distribución e Mercados de Capital do banco.
Segundo informa Abanca, “o edificio está dotado cos medios tecnolóxicos máis avanzados e unha arquitectura interior na que priman os espazos abertos e funcionais, sen despachos, e con criterios de eficiencia e sustentabilidade medioambiental”. Nas súas estancias cada empregado poderá elixir o seu espazo de traballo en cada momento segundo as súas necesidades e estará permanentemente conectado a través de dispositivos móbiles.
Para Abanca, esta sede trátase “dun laboratorio de probas das prácticas de capital humano para transformar o modelo de traballo da entidade”. Ademais, constitúe “un paso máis na aposta pola dixitalización e a innovación”. Esta aposta, explica a entidade financeira galega, vén de situar a Abanca como unha das entidades estatais con meirande desenvolvemento das canles e servizos online e móbiles, “avanzando no número de clientes, sen esquecer a usabilidade, a seguridade e a accesibilidade”.
Abanca tamén recorda, ao fío deste proceso de dixitalización e tomando como base a apertura da nova sede operativa madrileña, que a día de hoxe realiza máis do 93% das interaccións con clientes a través de canles non presenciais. Ademais, engade, o 56% dos seus clientes “elixe para a súa operativa habitual a banca online ou móbil da entidade”, cun incremento nos últimos seis meses de 65.000 clientes no uso de servizos de banca electrónica de particulares por internet ou móbil.
Sinalar tamén que a banca móbil da entidade galega supera os seis millóns de accesos ao mes, o triplo que hai dous anos.

PUBLICIDADE