Adeus ao rabudo Nacho Mirás

xoves, 15 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Nacho Mirás reivindicando o papel da Sanidade Pública ao recibir o seu premio na última edición de MexilOnseTuits

Esta tarde dixo adeus unha figura moi relevante no panorama galego da comunicación, xa que o xornalista e blogueiro Nacho Mirás Fole faleceu a consecuencia do cancro co que levaba anos loitando á vez que compartía os seus difíciles momentos cos seus seareiros a través de redes sociais, do seu blog, e incluso a través dun libro de grande éxito, El mejor peor momento de mi vida, que facía unha interesante achega á loita contra o cancro grazas á aguda perspectiva que sempre caracterizou a Mirás durante a súa carreira profesional.
Nacho Mirás demostrou ser un grandísimo comunicador, de xeito que cando iniciou o seu peor momento vital, en vez de recluírse, abriuse ao mundo a través da Rede, o que o ano pasado traduciuse en múltiples recoñecementos, entre os que podemos destacar o Premio 20blogs ao mellor blog persoal de 2013 e unha mención especial na última edición de MexilOnseTuits.
A loita de Mirás contra a enfermidade foi tamén unha reivindicación da Sanidade Pública, unha critica mordaz contra a burocracia e unha aproximación á parte máis humana das persoas, que levou a moitos a conectar co blogueiro máis rabudo, que sempre foi moi activo na Rede, chegando a ser todo un pioneiro en plataformas como Second Life, onde chegou a fundar un Centro Galego.
Perdemos así hoxe todo un referente do bo facer no mundo do xornalismo e na comunicación a través da Internet, que conseguiu deixar unha profunda pegada entre os seus milleiros de lectores e seareiros.

Mirás sempre destacou polo seu compañeirismo, como podemos ver cando se retrata cos responsables de Vivir na Coruña
Mirás sempre foi moi activo nas plataformas dixitais, con grande presenza en Twitter e Facebook, sendo un auténtico pioneiro en Second Life e no fenómeno dos blogs

PUBLICIDADE