As rapazas de primaria dos colexios composteláns achegáronse á realidade das profesionais tecnolóxicas

luns, 10 de outubro do 2016 Redacción

O 26 de setembro daba comezo o programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC e o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade, no que participaban seis colexios composteláns: Lamas de Abade, López Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Pío XII e Vite. Esta proposta tiña como principal obxectivo dar a coñecer ás enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tradicionalmente asociadas ao mundo masculino. A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitaba o venres pasado o último dos obradoiros impartidos, que levaba por nome: Buscando estrelas.
A encargada de impartilo no CEIP Pío XII era a profesora de Astronomía da USC Josefina Ling. Marta Lois estivo acompañada da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez.
E indo ao miolo do programa, cómpre dicir que estaba formado por 19 obradoiros didácticos encamiñados ao alumnado de 5º e 6º de primaria dos seis colexios públicos xa citados, nos que se amosaba a relación da ciencia e das tecnoloxías coa nosa vida cotiá co fin de achegar ao alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico.
As temáticas foron moi variadas: programación, supercomputadores, física divertida, xogos coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras e as encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da Universidade de Santiago e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

PUBLICIDADE