Gradiant e Everis impulsan a atención médica personalizada con tres tecnoloxías pioneiras
mércores, 26 de outubro do 2016
O Hospital Gil Casares de Santiago, sede do centro
eJKC (eHealth Joint Knowledge Centre), acolleu hoxe a
presentación de tres ferramentas tecnolóxicas pioneiras (na súa
esencia e obxectivos e tamén nas metodoloxías empregadas para o seu
desenvolvemento e validación, ombro con ombro cos profesionais
médicos do dito hospital e máis do CHUS) e de gran potencial para
mellorar a calidade de vida de determinados doentes e o día a día
dos facultativos e o persoal que os atende. Falamos de OnCare, OnTime
e Saludei. Trátase, informaron os responsábeis do eJKC, de
tecnoloxías que apostan forte polos servizos de medicina
especializada.
De feito, a personalización é un dos seus
grandes alicerces comúns e, tamén, de todo o traballo pasado,
presente e futuro do devandito centro. Este, como lembraremos, é a
unidade unidade mixta constituída polo Centro
Tecnolóxico Gradiant e a multinacional Everis,
coa Fundación Ramón Domínguez como entidade subcontratada. Foi
dada a coñecer oficialmente en xuño de 2015, dende a sede se
seu no devandito Hospital Gil Casares de Santiago.
Na cita participaron representantes de Gradiant,
Everis, a Fundación Ramón Domínguez e a a Axencia Galega de
Innovación (GAIN). En representación da multinacional española
Everis interveu o galego Jesús Lage, responsábel da compañía na
nosa terra. Comezou o seu relatorio salientando a fórmula empregada
por eJKC dende a súa orixe (a fórmula da unidade mixta colaborativa
con Gradiant e a do traballo en estreita relación cos profesionais
médicos composteláns, atendendo polo miúdo ás súas necesidades e
procurando, en cooperación, a máxima utilidade dos recursos
tecnolóxicos desenvolvidos). Segundo engadiu, un dos grandes
obxectivos de eJKC foi dende os seus comezos (hai agora case dous
anos) mellorar a asistencia sanitaria pola vía das TIC a través da
personalización das mesmas. Recordou igualmente que “algúns dos
proxectos presentados este 26 de outubro están xa en fase de proba e
pilotaxe” e fixo fincapé na importancia (para Everis mesma e para
todo o ámbito da eSaúde en xeral) do centro eJKC, “un centro
singular e referencial dende todas as frontes, pola metodoloxía de
traballo elixida, polo investimento e esforzos postos en xogo e polo
alto nivel dos profesionais investigadores que acubilla”.
No acto tamén interveu Luis Pérez Freire,
director xeral de Gradiant, que destacou a importancia das
tecnoloxías que están a abrollar do traballo conxunto entre o
centro tecnolóxico galego e Everis e, tamén, o camiño elixido para
dar forma a esas tecnoloxías: un camiño de colaboración
(Everis-Gradiant-profesionais médicos) que garante os mellores
resultados e a máxima utilidade. Ao seu xuízo, alén de todos os
logros que se están a acadar a través de eJKC, demostrouse ao longo
destes case dous anos de andaina conxunta que o traballo levado a
cabo no seo mesmo dun hospital, convivindo cos integrantes dos
equipos sanitarios, é unha fórmula ben acaida para asegurar
innovación de utilidade. Pérez Freire tamén aproveitou a cita cos
medias para agradecer o apoio da Consellería de Economía e da
Axencia Galega de Innovación (GAIN).
De innovación de utilidade tamén falou Helena
Fernández, directora da área de Saúde de Gradiant (e principal
responsábel da unidade mixta), quen fixo un percorrido específico
polas tres tecnoloxías devanditas (OnCare, OnTime e Saludei), polos
investimentos postos en xogo (case 3 millóns de euros para un prazo
de tres anos) e polos obxectivos concretos de eJKC.
Segundo fixo saber, OnCare é unha
aplicación móbil que xa está a ser empregada polos facultativos e
que se dirixe a permitir o seguimento da dor en pacientes oncolóxicos
que experimenten episodios de forte dor. A ferramenta posibilita que
os doentes poidan rexistrar estes episodios e a súa intensidade da
maneira máis doada posíbel. Esta tecnolóxica atópase xa en fase
de probas avanzadas e está a ser empregada polos pacientes e polos
profesionais médicos do complexo hospitalario compostelán. Segundo
fixo saber Helena Fernández, é unha das primeiras aplicacións
móbiles de saúde que están a validar de certo no traballo diario
dun ambiente médico concreto.
Polo que atinxe a Saludei, é en certa
maneira unha continuación de OnCare. Trátase, máis en detalle,
dunha tecnoloxía móbil para favorecer o seguimento e o coidado
personalizado dos pacientes. Saludei é aplicábel a calquera ámbito
médico, non só ao oncolóxico. Arestora atópase en fase de
desenvolvemento.
OnTime, pola súa banda, é un algoritmo
para reducir os tempos de espera dos doentes que se atopan en
tratamento de quimioterapia. Esta tecnoloxía é quen de reducir os
tempos de espera e optimizar a carga de traballo do hospital de día
oncolóxico. Atópase en fase de desenvolvemento co soporte do
servizo de oncoloxía clínica do CHUS.
O encontro foi presentado polo xerente da Xerencia
da Xestión Integrada de Santiago e presidente da Fundación Ramón
Domínguez, Luis Verde, e contou coa participación da directora da
área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Sonia
Pazos; e a directora da Fundación Ramón Domínguez, María
Gómez-Reino.