Gradiant e USC crearán un polo de innovación ao servizo do noso tecido agroalimentario

martes, 4 de outubro do 2016 Redacción

Gradiant é a día de hoxe un dos grandes referentes europeos en materia de Internet das Cousas

O Centro Tecnolóxico Gradiant e o Campus da Terra da Universidade de Santiago están a unir forzas para dar forma a un polo de innovación ao servizo do noso tecido agroalimentario. Este Digital Innovation Hub (na terminoloxía da Comisión Europea) dirixirase en boa medida a achegar recursos e solucións que favorezan a futura sustentabilidade e rendibilidade do devandito sector galego. Nesta colaboración Gradiant achegará a súa visión e longa experiencia en materia de tecnoloxías que permiten a interconexión entre obxectos e entre estes e nós os usuarios. Como recordaremos, Gradiant é a entidade que preside o Grupo de Traballo en Agricultura Intelixente e Seguridade Alimentaria na Alianza Europea pola Innovación na Internet de las Cousas (AIOTI). Estas e outras cousas serán presentadas este 6 de outubro na Casa do Saber de Lugo, no marco dunha xornada informativa aberta a toda a cidadanía.
Segundo informan, o devandito polo de innovación dixital para o sector agroalimentario permitirá a confluencia, pola banda da demanda, dun sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade e, pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos, así como dos centros de coñecemento e innovación xeradores de solucións e melloras demandadas polo sector.
Ademais, engaden, os obxectivos desta iniciativa conxunta do Campus Terra da USC e Gradiant “pasan por establecer unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil en aras de acadar unha maior competitividade para o sector agroalimentario, ampliar as oportunidades de negocio e o potencial exportador para os provedores tecnolóxicos, ademais de xerar novas posibilidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos”.
A maiores, Gradiant e o Campus Terra coinciden en recoñecer que a posta en marcha do dito hub salientaría o importante peso que teñen na nosa economía os sectores da produción agraria, gandeira e de transformación de alimentos no conxunto da economía, do territorio e da sociedade galega. En base a isto, o polo de innovación busca “aliñar esforzos e optimizar as ferramentas dispoñíbeis”, modernizar os sectores primarios e impulsar as novas tecnoloxías como “tractoras da economía e do coñecemento”.

PUBLICIDADE