Aínda que a aplicación de mensaxería instantánea de máis éxito no contorno móbil continúe a ser WhatsApp, o seu principal competidor, LINE, está a medrar dun xeito impresionante nos últimos meses, anunciando hoxe que vén de superar os 150 millóns de usuarios en todo o mundo, o que parece ser consecuencia directa da súa boa adopción en España e América latina, que contribúen así á súa xa boa presenza en boa parte de Asia.
Ao parecer, a chave do éxito de LINE nos últimos meses sería consecuencia directa dos seus anuncios televisivos, aínda que o feito de que WhatsApp deixase claro que non era un servizo de balde tamén tivo moito que ver na aceleración da adopción de LINE, que está a conseguir facer rendible o seu negocio por outras canles, como vendendo stickers ou ofrecendo xogos Free-to-Play aproveitando a súa inmensa masa de usuarios.
Comparar LINE con WhatsApp non parece doado, pois actualmente o único dato que temos de WhatsApp é que ten máis usuarios que Twitter (que ten uns 200 millóns de usuarios mensuais activos) e move máis de 20.000 millóns de mensaxes ao día. Aínda que en EE.UU. o dominio de WhatsApp parece indiscutible, no caso español estímase que actualmente hai uns 20 millóns de usuarios de WhatsApp e 11 millóns de usuarios de LINE, aínda que do que non temos datos nin estimacións e do uso real que fan os usuarios de cada plataforma, posto que non son ferramentas excluíntes.
Un dos anuncios televisivos de LINE que poden verse en España
LINE supera os 150 millóns de usuarios en todo o mundo
Compartir Este Artigo

