Mañá celébrase na Toxa a Noita Galega das Telecomunicacións

xoves, 29 de setembro do 2016 Redacción

Mañá venres, a partir das 20:00 horas, no Gran Hotel da Toxa, celebrarase a XXI edición da Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, que estará presidida por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A actriz Carmen Méndez será a presentadora do evento, no que tamén intervirá o monologuista Carlos Blanco.

A velada comezará cun cóctel de benvida e unha sesión de networking, á que seguirá a gala, que comezará ás 21:30 horas, na que se entregarán os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016, que recaeron nas seguintes persoas, empresas e institucións:
- O premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Monet Viticultura, pola introdución das TIC en sectores onde aportan valor a procesos tradicionais, e pola súa aplicación a mercados amplos. O xurado tivo tamén en conta a orientación de esta empresa á exportación e a súa actividade en I+D+i e a creación de emprego tecnolóxico.
- O premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Beatriz Remeseiro López, por Avances na diagnose do síndrome de ollo seco: desenvolvemento de métodos automáticos para a avaliación de patróns na capa lípida da película lacrimal. O xurado salienta que a tese aporta solucións para un problema de saúde pública, o síndrome do ollo seco, que afecta a unha grande parte da poboación maior de 65 anos. Este traballo ten xa demostrado a súa aplicación, tanto no eido académico como na industria do sector da saúde, e ten un claro potencial de transferencia da tecnoloxía desenvolvida.
- O premio INEO ao produto ou servizo máis innovador foille concedido a Egatel S.L. polo proxecto SmartLNB. Neste caso, premiase o carácter innovador do uso eficiente das capacidades de transmisión de datos vía satélite. Tamén se valorou o amplo espectro das súas posibles aplicacións e a súa contribución á transformación dixital de diversos ámbitos como a saúde, o fogar dixital e o sector industrial.
- O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, recaeu en EOSA, pola creación de INclue, sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado tivo en conta que a ferramenta presentada permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa.
- O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle ao Real Club Celta de Vigo, por liderar o desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos que complementan ós partidos de fútbol e que favorecen a implicación dos afeccionados.
- O premio ao Mellor expediente académico do Mestrado en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Daniel Rodríguez Domínguez.
- Por último, o premio Enxeñeiro do Ano outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaeu en César Mariñas Dávila, pola súa traxectoria en postos de responsabilidade en diferentes empresas do sector TIC e no exercicio libre da profesión. Tamén se recoñece a súa profesionalidade e independencia, e a súa contribución ao desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia.

A velada rematará coas intervencións de Julio Martín, director do estaleiro de Navantia en Ferrol, e da directora da AMTEGA, Mar Pereira.

PUBLICIDADE