O Foro Unirede achegouse ás distintas faces do Social Media

luns, 17 de outubro do 2011 Marcus Fernández

David Serantes compartiu os seus coñecementos sobre o Social Media móbil

A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolleu o pasado sábado o I Foro Galego da Web 2.0 Unirede, un evento que buscaba servizo de espazo de intercambio para amosar á sociedade o logros da web social en Galicia e difundir as vantaxes e posibilidades de aproveitar as plataformas de redes sociais dende os distintos sectores económicos, para o que contouse cun amplo abano de relatores que abordaron os temas a tratar con perspectivas diversas.
A mañá comezou cunha master class impartida por Fátima Martínez López sobre estratexias de Social Media dentro e fóra da Rede, que foi seguida pola intervención mellora valorada polos asistentes de toda a xornada, na que o blogueiro David Serantes fixo un interesante e entretido achegamento ás redes sociais no móbil.

José Luis del Campo Villares fixo un repaso da situación actual das distintas plataformas de redes sociais

Completaron a mañá un par de relatorios impartidos por Juan José Romero e José Luis del Campo que no primeiro caso incidiu na necesidade de fixar uns obxectivos á hora de planificar unha estratexia en Social Media, mentres que na seguinte exposición analizouse a situación das distintas plataformas sociais dende distintos puntos de vista para contribuír ao seu aproveitamento dende a empresa.
A tarde do evento optou por un formato totalmente distinto, alternado breves intervencións sucesivas de distintas empresas e iniciativas que daban a coñecer os seus avances e iniciativas nas redes sociais con sesións en paralelo que segmentaban á audiencia segundo os seus intereses.

Lolo Rey explicou a experiencia de Loroestudio na integración nos medios sociais e os móbiles do Clúster Audiovisual Galego

Entre os proxectos presentado no Bussines Meeting Point inicial destacou Sabores Galegos, unha tenda en liña que amosouse en primicia, pois non vai ver a luz ata o vindeiro martes, amosándose tamén proxectos como a plataforma de formadores Wekab, a empresa de marca persoal Verbung, a Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia (Proturga) e a empresa Imos Nós. Tras estas exposicións, o público repartiuse en obradoiros que abordaban o uso da plataforma Meubook, a educación creativa e a experiencia de Loroestudio na integración no Clúster Audiovisual Galego do que xa temos falado.

Os responsables de Rodeiramar 2A explicaron a súa experiencia de éxito coas redes sociais

Reagrupados os asistentes ao Foro Unirede, distintos casos de éxito na web social en Galicia xuntáronse nun plenario no que púidose coñecer o que facían dende Redelibros, Enxeñería Sen Fronteiras e a Biblioteca Universitaria da USC, á vez que os responsables de Rodeiramar 2A, un complexo de hostal e apartamentos turísticos na praia de Rodeira nas Rías Baixas, cativou á audiencia ao explicar o uso que fixeron da Internet para potenciar o seu negocio, no que moitos consideraron como un exemplo a seguir.
Tamén resultou rechamante a intervención de Roberto Pérez Marijuán, da Visual Publinet, que en vez de limitarse a falar da súa empresa, preferiu agasallar aos asistentes cunha interesante reflexión sobre LinkedIn e o xeito no que as persoas están a utilizar tal plataforma, como aperitivo dun informe que está a desenvolver actualmente.

A xornada rematou cun sistema de avaliación, no que o público podía realizar votacións a través dun mando a distancia

O Foro Unirede rematou con 3 obradoiros temáticos simultáneos, que trataron do turismo e a gastronomía, a industria cultural e a comunicación e a tecnoloxía. Este último contou coa participación de Código Cero e outros medios como El Correo Gallego, Onda Cero e Santiago 7, servindo para facer unha reflexión sobre a repercusión que están a ter o novo xeito de consumir contidos por mor das plataformas de redes sociais, e os retos que deberán superar as empresas de comunicación para adaptarse á cambiante conxuntura actual. Tamén participou no debate Roberto Pérez Marijuán, quen intentou provocar aos asistentes argumentando que as redes sociais están a afectar á produtividade laboral de xeito negativo, e son vista dende empresas e políticos como algo que vai na súa contra, por rachar cos esquemas establecidos e con numerosos modelos de negocio baseados no control da información.
Xa para rematar o evento, os asistentes puideron realizar unha avaliación da xornada cun orixinal sistema de enquisas da compañía PowerVote, que a través de mandos a distancia permitía valorar os contidos do evento e destacar intereses para posibles celebracións futuras.


A semana pasada entrevistaron a Aránzazu Serantes, da organización do Foro Unirede, en Correo TV

PUBLICIDADE