O TEDxGalicia deixou a súa pegada na Tecnópole
luns, 3 de decembro do 2012
- O humor de Vicente de Souza amenizou a xornada ourensá do TEDxGalicia
Tras
dúas edicións en Santiago de Compostela, o TEDxGalicia
trasladouse o pasado venres a Ourense, concretamente ás instalacións da
Tecnópole en San Cibrao das Viñas para celebrar o 20º aniversario deste parque
tecnolóxico. O encontro conseguiu congregar a un numeroso público incondicional
deste tipo de eventos, nos que o sector TIC está especialmente presente,
incluso entre as entidades colaboradoras entre as que podemos destacar ao centro
Gradiant, a Signo e Blusens, aproveitando esta última
compañía para amosar aos asistentes o seu web:tv e un novo tablet con Android
que chega como unha interesante alternativa ao iPad 2.
- Marcos Pérez é a alma mater deste encontro que xa leva 3 edicións na nosa comunidade autónoma
A posta en escena desta edición de TEDxGalicia recaeu en Marcos Pérez Gulín, un
dos principais organizadores do encontro, que contou co apoio do xenial Vicente de Souza, que co seu
humor amenizou a xornada, e con toque musical achegado por parte do chelista Carlos García, a coreógrafa e bailarina Silvia
Miramontes e os violonchelos do Soncello
Quartet.
A xornada repartiu os seus relatorios en 4 bloques, comezando o primeiro dos
mesmos co enxeñeiro de telecomunicacións Ricardo
Capilla, quen tivo a ben realizar un discurso sobre a necesidade de ser
distintos, para premiar o talento e non a mediocridade;
a especialista en
innovación cultural e museística e en didáctica científica especializada Mónica
Moure (Ceo Aberto)
comezou o seu relatorio lanzando caramelos ao público para falar do azar, a
confianza e as oportunidades, instando tamén a ter unha actitude activa e gozar
do traballo, mellorar o mundo e xerar riqueza; o creativo Miguel Castro (Enyiris) reflexionou sobre numerosos aspectos
entre os que podemos destacar a revolución que supoño a Internet; pero o máis
destacable de toda a xornada para moitos foi Pablo Carpintero, unha figura
peculiar que sendo doutor en Ciencias pola USC optou por orientar boa parte da
súa actividade á recuperación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, de
xeito que hoxe resulta máis visible a súa face de artesán e gaiteiro, que serve
de exemplo dunha vida na que se pode pór a paixón sobre todo o demais; pechou o
primeiro bloque o autor do libro Ser
feliz no implica ser idiota, Javier
Cebreiros (InfoJC), que chamou á
orixinalidade e repasou algúns dos principais erros cometidos nos actos de
comunicación.
- Nacho Iglesias defendeu a profesionailidade e paixón dos árbitros de fútbol
O segundo bloque de relatorios de 18 minutos de duración cada un principiou co
piloto de Fórmula 2 e 3 José Luís
Abadín, que tomando como base a súa biografía quixo animar aos asistentes a
perseguir os seus soños; a deseñadora industrial Marta Falcón defendeu a
importancia do deseño como fío condutor entre persoas e espazos; o árbitro de
fútbol de Primeira División Nacho Iglesias conseguiu callar no auditorio
deixando claro que a súa profesión practícase con paixón e dedicación,
intentando deixar constancia de que os árbitros son persoas; o empresario
Marcos Rodríguez (Formato
Verde) destacou a importancia de aproveitar as crises para reinventarse
constantemente; e o profesor Jorge Mira, cun certo toque de humor, falou sobre
o sexo e a selección natural.
- Carlota Sánchez puxo a vista en 2020 no seu relatorio
A terceira quenda de intervencións comezou co asesor en comunicación política
Santiago Martínez, quen quixo expor algunhas das chaves da manipulación que se
exerce sobre a cidadanía co mero uso das palabras; a directiva Carlota Sánchez
quixo botar unha vista ao futuro, concretamente ao ano 2020, deixando unha
certa mensaxe de optimismo; o avogado
José Manuel Pérez reflexionou sobre temas como o software libre e a
evolución tecnolóxica; e a compositora e cantante Patricia Moon ilustra
sobre o traballo dos músicos.
- Diego González explicou como chegou a desenvolver unha innovadora técnica cirúrxica que cada día ten maior aceptación a nivel mundial
A última serie de relatorios comezou co empresario e profesor universitario Andrés Mazaira, que destacou a importancia de personalizar a publicidade e engadir valor aos produtos e servizos para poder achegarse aos clientes; o cirurxián Diego González explicou como chegou a desenvolver un método pioneiro de operar o cancro de pulmón coa mínima invasión posible no que considera que será só o comezo de toda unha tendencia que facilite a recuperación das intervencións cirúrxicas; e, para completar este variado evento, a mestra Fátima García abordou o tema da discapacidade, dando a entender que todos temos que recorrer a apoios para realizar algunhas funcións, de xeito que debemos asumir as nosas eivas e as dos demais con normalidade.
- Un total de 17 relatores completaron o programa deste edición do TEDxGalicia
- Pablo Carpintero falou da importancia do noso patrimonio cultural e reivindicou a súa paixón pola gaita
- A manipulación a través da comunicación centrou a intervención de Santiago Martínez
- O profesor Jorge Mira falou de sexo e evolución no salón de actos da Tecnópole
- Javier Cebreiros enumerou os 3 principais erros da comunicación no seu relatorio
- Mónica Moure logrou conectar coa audiencia comezando a súa intervención lanzando caramelos ao público, o que serviu de base para varias reflexións
- Patricia Moon interpretou unha canción en directo para explicar o traballo dos músicos
Publicamos unha completa galería fotográfica do evento na nosa páxina de Facebook.