O iPhone recibe un cliente de Telegram en galego

luns, 10 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A aplicación oficial de Telegram para dispositivos móbiles só está dispoñible polo momento en inglés e español, levando a que xurdisen solucións como Galegram (cliente de Telegram para Android traducido ao galego) ou como a versión galega de Webogram (grazas ao traballo de Pablo Belay e aos servidores web de Chuza), e seguindo na mesma liña estréase hoxe Teixogram, un cliente de Telegram en galego, baseado no código fonte de Telegram 1.1 (versión non actualizada da aplicación oficial, que actualmente carece de soporte e non está debidamente adaptada a iOS 7, aínda que funcione correctamente).
A aplicación está traducida ao galego un xeito bastante informal, e a interface de usuario está pouco coidada, buscando simplemente atender á demanda de poder gozar xa da aplicación de mensaxería instantánea en galego que, de detectarse un uso significativo da mesma, podería adaptarse no futuro para amosar unha representación gráfica acorde co sistema operativo móbil de Apple. Agardemos que este tipo de iniciativas leven aos responsables de Telegram a acelerar a localización internacional da súa aplicación oficial.

PUBLICIDADE