Parkapp facilitará aparcamento en liña aos asistentes ao gran evento galego do skate, O Marisquiño

mércores, 5 de agosto do 2015 Redacción

Os responsábeis da aplicación galega Parkapp, centrada en tirar partido dos nosos dispositivos para facilitarnos a localización do aparcamento máis próximo ou converterse no equivalente máis eficaz e cómodo do mando do garaxe, veñen de comunicarnos a súa colaboración co evento Arnette O Marisquiño 2015, que se celebra do 7 ao 9 de agosto e é un dos eventos máis salientábeis a nivel estatal no ámbito do skate. Este apoio de Parkapp materializarase en “variadas accións de promoción”, como unha oferta especial que permitirá gozar dunha praza de aparcamento, xestionábel a través do noso móbil, moi preto da contorna do festival e a un prezo de 9 euros ao día, 15 euros tres días e 20 euros os catro días nos que dure o acontecemento.
A través da páxina web os visitantes terán a posibilidade de aluguer unha praza nos seguintes aparcamentos: Parking Vigo (rúa Areal 142), Parking Central (rúa do Doutor Cadaval 29) ou Garaxe Avenida (Urzaiz 209-211).
As prazas estarán a disposición dos internautas dende este xoves a última hora e até o domingo á noite (0.00 horas). Os condutores que tiren partido desta promoción poderán entrar e saír con total liberdade dos aparcamentos ao longo dos días concretados.
Sinalar, respecto do festival en si mesmo, que esta quinta edición do evento será “a máis avanzada dende o punto de vista tecnolóxico”, lembran dende Parkapp, xa que todas as probas vanse retransmitir en directo por streaming e, ademais, empregarase a aplicación SPV Tracking para que os participantes poidan medir, avaliar, comparar e amosar os seus trucos e habilidades. O festival celébrase nas instalacións portuarias e novamente coa Copa do Mundo do Skate como proba estrela. As distintas áreas onde se desenvolve están situadas na zona do Náutico, Peirao Transatlánticos, Paseo das Avenidas e Praza da Estrela.

PUBLICIDADE