Política Lingüística salienta o labor do blog Fala Londres polo seu novo recoñecemento
luns, 20 de xaneiro do 2014
- Clase de galego do Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres
O proxecto-blog Fala
Londres, que en abril de 2012 obtivo un
importante recoñecemento de mans do INTEF polo seu bo emprego das
novas tecnoloxías, volve estar de celebración co comezo deste
ano 2014, tal e como
sinalamos os días pasados dende Código Cero. O caderno en
cuestión, unha achega do Instituto Español Vicente Cañada Blanch
de Londres, vén de ser premiado na convocatoria de proxectos
escolares da Fundación Barrié. A iniciativa, como lembraremos,
emprega as tecnoloxías da información como ferramenta para promover
a aprendizaxe da nosa lingua entre os galegos da capital británica.
Esta fin de semana, a Administración
autonómica reflectiu polo miúdo os seus logros.
Recordar tamén que o
dito instituto é un dos centros de ensino preuniversitario de fóra
da nosa terra onde se oferta a materia de lingua galega grazas a un
convenio asinado entre o Ministerio e a Consellería de Cultura e
Educación (Secretaría Xeral de Política Lingüística).
Volvendo ao recoñecemento
da Fundación Barrié, dicir que o blog Fala Londres, creado
por Xaime Varela (profesor de galego do centro), foi premiado na
modalidade de proxectos por ter apostado firmemente polas ferramentas
da web 2.0 “para promover a aprendizaxe do galego, a integración e
a valoración do idioma propio”. Segundo reflicte Política
Lingüística, nas redes sociais e no blog do proxecto reflíctese a
inxente actividade que se desenvolve no instituto londiniense arredor
da área de lingua galega “ao tempo que se incentiva a
participación de toda a comunidade educativa e mais da comunidade
galega residente na capital do Reino Unido”.
Lembrar que Xaime Varela
imparte docencia de galego no Instituto Español Vicente Cañada
Blanch grazas a un convenio de colaboración vixente dende o ano 1991
entre a Consellería de Cultura e Educación (a través da Secretaría
Xeral de Política Lingüística) e o Ministerio de Educación,
Cultura e Deporte, entidade da que depende o centro educativo. O
Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda,
os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e
mais o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires- é un dos centros
educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega
a estudantes de niveis preuniversitarios. Estes colexios responden ás
demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o
noso idioma entre a poboación non galega.
Polo que respecta á
convocatoria de proxectos escolares da Fundación Barrié, dicir que
responde ao obxectivo de estimular e recoñecer a tarefa do
profesorado, dos centros e doutros axentes do sistema educativo de
Galicia. Na presente edición, estableceu tres modalidades –proxectos
intercentros, proxectos de centro e proxecto colaborativo en que
participe un colexio e unha entidade sen ánimo de lucro- e outorgou
cinco premios. Como
reflectimos recentemente dende Código Cero, amais do Instituto
Español Vicente Cañada Blanch, foron recoñecidos polos seus
proxectos o CPR San José de Pontedeume, o CIFP A Xunqueira (coa
Asociación Amencer ASPACE), o IES David Buján de Cambre (en
colaboración con diversos centros estranxeiros) e o IES Poeta Díaz
Castro de Guitiriz (xunto coa Asociación Cultural Xermolos e o Grupo
de Investigación de Pedagoxía, Historia e Sociedade da Universidade
da Coruña).