Situm gaña a edición 2015 dos Premios EmprendedorXXI en Galicia

mércores, 10 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A novena edición dos Premios EmprendedorXXI en Galicia, galardón impulsado por la Caixa e co-outorgado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Enisa (Empresa Nacional de Innovación), co obxectivo de recoñecer os emprendedores máis innovadores de España, recaeu na spin-off universitaria Situm, que non cesa de acumular éxitos en iniciativas como YUZZ, o concurso Elevator Pitch Singularity University, o concurso de ideas do proxecto Coruña Smart City ou os premios da I edición de Galicia Open Future.
A entrega do premio estivo presidida por Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, e Marc Arthur Benhamou, director territorial de la Caixa en Galicia. Benhamou quixo recoñecer a actitude dos emprendedores que, "a pesar da crise decidiron saír a gañar a confianza da sociedade". Isto implica, ao seu xuízo, "recuperar valores que parecen ter caído no esquecemento: esforzo, capacidade de sacrificio, compromiso, respecto, diálogo, humildade e aspiración e busca do ben común".
Situm dedícase á venda dunha tecnoloxía multisensorial de localización de smartphones en interiores, que permite coñecer a posición do dispositivo nun edificio e ofrecer unha gran diversidade de servizos xeoposicionados. A compañía obtivo un premio en metálico de 5.000 euros e a participación nun curso de aceleración do negocio na Universidade de Cambridge, especialmente deseñado para emprendedores de todo o mundo, denominado Ignite Fast Track.
Ademais, durante un ano, la Caixa ofreceralle acceso ao programa de acompañamento que impulsa a súa xestora de capital risco, Caixa Capital Risc, e que dá apoio aos emprendedores na busca de mercados, sectores e persoas que poden ser claves para o desenvolvemento da súa empresa. O programa inclúe misións comerciais a Silicon Valley, Tel Aviv e Nova York para coñecer de primeira man os principais polos de innovación a escala mundial, así como actividades de formación e networking. Igualmente, os emprendedores participantes teñen acceso preferente a financiamento para empresas en etapas iniciais de Caixa Capital Risc e Enisa.
Como gañador da fase autonómica dos Premios EmprendedorXXI, Situm participará na fase nacional, na que competirá por un galardón de 20.000 euros que se dará a coñecer no mes de outubro, na gala oficial de entrega dos Premios EmprendedorXXI.

Finalistas da presente edición

Un total de 22 empresas galegas presentáronse en 2015 aos Premios EmprendedorXXI, considerada como unha das convocatorias de referencia para proxectos de innovación en España, quedando finalistas as seguintes:
- Celtalga Extract: Dedícase á obtención de extractos acuosos (algas) con tecnoloxía de ultrasóns, cuxas características lles permiten dirixirse aos sectores alimentario, sector de complementos nutricionais e de cosmética natural certificada.
- Latitude: Desenvolve ferramentas e solucións para que as marcas de moda poidan realizar as súas producións sostibles e de calidade Made in Europe: rede de talleres, showroom de materiais sustentables, deseño, consultoría.
- Nasasbiotech: Investigación, desenvolvemento e comercialización de dispositivos médicos para o diagnóstico, prognóstico e o control dos procesos metastáticos na enfermidade oncolóxica, mediante captura de células metastáticas.
- Parkapp: web para que os usuarios encontren e reserven a oferta de aparcadoiro máis axeitada ás súas necesidades. Ademais, desenvolveu unha aplicación que xeolocaliza os aparcadoiros e conecta as barreiras co teléfono a través Bluetooh permitindo o acceso e o pagamento directamente co móbil.

PUBLICIDADE