Unha app galega de balde apoia aos doentes de Alzhéimer e aos seus coidadores

mércores, 21 de setembro do 2016 Redacción

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día do Alzhéimer e por este motivo queremos lembrar que as novas tecnoloxías son nalgunhas ocasións boas ferramentas das que botar man á hora de axudarnos a combater doenzas como esta da que falamos. Desta volta referímonos a unha aplicación móbil galega, de balde, que foi lanzada ao mercado pola start-up coruñesa Lapisoft. Trátase de YoTeCuido Alzhéimer. A dita ferramenta, encamiñada a coidadores e doentes de Alzhéimer, foi elaborada xunto con AFACO (Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer de A Coruña), e é un proxecto desenvolvido con fins sociais (non económicos), que pode axudar moito no caso concreto de Galicia, pois no rural hai poucos recursos e información dispoñíbeis para as familias que se enfrontan ao Alzhéimer.
A app tenta dar resposta e apoio a doentes diagnosticados de Alzhéimer e aos seus coidadores, xa que a falta de información é moi grande neste senso.
Que contidos achega esta ferramenta? Pois dende os distintos síntomas e coidados específicos de cada fase, resposta a multitude de dúbidas relacionadas coa alimentación, a saúde, a vivenda, ou recursos sociais e legais dispoñíbeis, rutinas de estimulación física e cognitiva para facer na casa, unha sección propia para que o coidador se coide e un apartado con recursos sobre o Alzhéimer (asociacións de familiares de toda España, libros e filmes…).
Asemade, a aplicación conta coa posibilidade de enviar directamente calquera dúbida relacionada coa enfermidade, que será respondida polo equipo de especialistas de AFACO e incorporada á aplicación de xeito que esa nova información poida servir de axuda a outros afectados ou coidadores.
Os contidos de YoTeCuido foron elaborados tanto por familiares como por coidadores, polo que a información que se achega está baseada na experiencia de persoas que conviviron coa doenza.
YoTeCuido Alzhéimer xa está dispoñíbel en GooglePlay e tamén poderá descargarse en dispositivos iOS a través de iTunes.
Para máis información, cómpre visitar a web da aplicación.

PUBLICIDADE