Vitae subminístranos claves de ciberseguridade para as linguaxes máis estendidas

martes, 29 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A ciberseguridade, amais dun desafío en si mesmo, pon en xogo unha serie de oportunidades de adestramento, capacitación e desenvolvemento persoal para os nosos profesionais. Ademais, obrígalles a facer fincapé nunha tarefa que moitos xa teñen asumida: actualizar o seu coñecemento. Sobre este punto apóiase o curso Desenvolvemento Seguro ante Ciberataques para Java, .NET, Angular, React, iOS e Android (OWASP-PCI-DSS) que organiza na Coruña Vitae Consultores, os días 25, 26, 27 e 28 de febreiro. Segundo informa a consultora, o obradoiro subministra unha serie de claves para estarmos ao día en novas posíbeis vulnerabilidades.
Ou sexa, para renovar o noso coñecemento sobre os puntos de potencial ataque que se presentan a medida que mudan as prácticas de codificación segura aceptadas pola industria, co que se fai preciso que tanto estas prácticas como a captación de desenvolvedores deban ser actualizadas para afrontar novas ameazas (por exemplo ataques para extraer a memoria dun equipo ou ataques do tipo side-channel derivados do emprego de microprocesadores con feblezas no seu microcódigo).
Segundo engade Vitae, as vulnerabilidades identificadas nos requisitos en OWASP e PCI-DSS proporcionan un punto de partida: “É responsabilidade da organización informarse sobre as máis recentes tendencias en puntos débiles e incorporar as medidas apropiadas, en canto as prácticas de codificación segura que cubrirá axeitadamente a presente formación”. Ao abeiro do curso, faranse unha manchea de exercicios de código para a procura activa de vulnerabilidades e a súa mitigación correspondente nas linguaxe de desenvolvemento máis empregadas pola industria.
Os obxectivos da actividade formativa de Vitae son os seguintes: actualización de novas prácticas de codificación segura adaptada ao framework e a linguaxe de desenvolvemento máis empregados pola industria cubrindo a posta ao día respecto das novas ameazas detectadas até o de intre da realización do curso. Este está dirixido a programadores, analistas programadores, enxeñeiros de software, responsábeis de seguridade TI e todo profesional que teña responsabilidades no eido da seguridade dixital.
O curso, que se celebra no Hotel Attica 21 da Coruña, terá unha duración de 20 horas en catro sesións de cinco horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Pedro Candel, un dos máis referenciais expertos en ciberseguridade a nivel estatal, amais de especialista en seguridade ofensiva, no achado de vulnerabilidades, en análise de software e en enxeñaría inversa. Foi docente en varios mestrados de protección tecnolóxica en diferentes universidades e é relator habitual nas principais conferencias de España, Europa e Latinoamérica no ámbito da ciberseguridade. Amais, presentou traballos de investigación en todo o mundo e ten desenvolvido auditorías de hacking ético.

PUBLICIDADE