10,1 millóns de usuarios xogaron a copias piratas de Football Manager 2013

xoves, 14 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Durante a London Games Conference 2013 celebrada onte, Miles Jacobson, responsable do xogo Football Manager, desvelou interesante información sobre o impacto da piratería nos xogos para PC, ao contar que o seu Football Manger 2013 foi crackeado o pasado 12 de maio, pero a técnica que permitía saltar as proteccións do xogo incluía un fallo que permitiu á xente de Sports Interactive rexistrar os enderezos IP correspondentes aos usuarios que descargaron o xogo de xeito ilegal, sumando un total de 10,1 millóns de usuarios piratas.
Jacobson chegou a detallar que 3,2 millóns destes usuarios estaban en China, 1,05 millóns en Turquía, 781.785 en Portugal e 547.000 en Italia (curiosamente non citou a España, o que podería indicar que a nosa sona de piratas podería estar pouco xustificada, xa que a franquía de Football Manager si é moi popular no noso territorio). Pero o que si deixou claro o responsable da saga futbolística é que cada copia pirata non é unha venda perdida, estimando que o número de usuarios que terían comprado o xogo de non existir o crack podería ser duns 176.000, o que podería ter xerado uns 3,7 millóns de dólares en ingresos que claramente agradecerían dende o estudio de desenvolvemento do xogo para poder contratar máis persoal.
Ao parecer, tras a aparición do crack, as vendas do xogo caeron significativamente, pero dos 10,1 millóns de usuarios que instalaron o xogo pirata, só 1,8 millóns xogaron ao mesmo con regularidade.

PUBLICIDADE