Durante este mes Philips está a celebrar o 50º aniversario dun soporte histórico como foi o formato compacto de cintas, popularmente coñecido como casete, que se converteron nun xeito portátil e económico de capturar momentos de xeito sonoro e nun dos soportes nos que máis música se escoitou durante o século XX. Aínda que é difícil concretar unha data, parece que foi o 13 de setembro de 1963 cando Philips estreou oficialmente as casetes na súa sede en Amsterdam.
As casetes foron durante moitos anos o principal soporte para a comercialización e reprodución de música, conseguindo relegar a un segundo plano aos discos de vinilo e manténdose nunha moi boa posición ata a chegada do Compact Disc, que achegaba unha calidade moi superior e, principalmente, unha maior duración que as cintas de música.
No mundo da informática as cintas de casete tamén tiveron unha importancia crucial na segunda metade dos anos 80, pois eran o soporte máis popular para o almacenamento de programas e xogos para ordenadores domésticos de 8 bits. Temos así que un soporte tan curioso, consistente nunha cinta magnética enrolada nun par de rodas dentro dunha caixa de plástico, conseguiu empregarse para multitude de finalidades, gañándose a pulso certa compoñente nostálxica que incluso leva a certos movementos musicais independentes a seguir distribuíndo en tal formato as súas creacións, como un xeito analóxico afastado das producións masivas e da facilitade de replicación dos formatos dixitais.
As cintas de casete cumpren 50 anos
Compartir Este Artigo

