Aínda que á hora de desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles teña moito peso a penetración de mercado de cada plataforma, o feito de que iOS continúe a ser o sistema operativo móbil prioritario para a creación de apps de pagamento dá a entender que os ingresos no mercado do software non son proporcionais á base de usuarios, o que permite que o iPad e o iPhone continúen a ter moita importancia, e outra plataforma que parece camiñar na mesma dirección podería ser Windows Phone, que actualmente supera os 9 millóns de transaccións de pagamento ao día, polo que estaría a gañar interese para moitos creadores de aplicacións.
Amais, Microsoft tamén está a dar conta de que segundo Kantar Worldpanel ComTech 1 de cada 10 smartphones vendidos en Reino Unido, Francia, Alemaña e México funcionarían con Windows Phone, confirmándose como a terceira plataforma móbil a nivel mundial e chegando incluso a superar a iOS nalgún mercado.
Para animar ao desenvolvemento de aplicacións para Windows Phone, tamén está a ofertarse a cota anual de desenvolvedores por tempo limitado a só 15 euros + IVE, o que é unha oportunidade para introducirse neste mercado que está a avanzar a bo ritmo. Outra das vantaxes que terán os desenvolvedores é que, nos mercados nos que os usuarios poden pagar as aplicacións a través dos seus provedores de telefonía, xa non haberá que agardar 120 días para que eses cartos cheguen a Microsoft, senón que reducirán tal prazo a 30 días, axilizando todo o proceso. Tamén destacan que cando é posible pagar a través do operador, as vendas chegan a triplicarse.
Windows Phone xa move máis de 9 millóns de transaccións de pagamento ao día
Compartir Este Artigo

