Hoxe chega a actualización a iOS 7 para os dispositivos móbiles de Apple, e como aconteceu noutras ocasións, ao estrear unha versión maior do sistema operativo móbil de Apple é normal deixar de dar soporte a algún dispositivo vello, que tería así pechada a porta a versións do software optimizado para as versións máis recentes de iOS, algo que a partir de agora non será tan problemático, pois veñen de estrear a posibilidade de que, se temos unha versión anterior de iOS, poidamos descargar a última versión da aplicación compatible co nosos sistema operativo actual.
Deste xeito, cando temos unha vella versión de iOS, e desexemos instalar unha aplicación non soportada, en vez de pedírsenos actualizar o sistema operativo (o que non é sempre posible) preguntarásenos se queremos descargar unha versión vella da aplicación, o que agradecerán moitos usuarios, especialmente nos dispositivos de menos potencia, que incluso poderían preferir quedar en iOS 6 ante o mal rendemento que parece presentar iOS 7 en dispositivos como o iPhone 4 ou o iPad mini.
De todos os xeitos esta nova prestación pode ter serios problemas nalgunhas aplicacións pois, que unha ferramenta poida instalarse e executarse en local, en moitas ocasións interactúa con servizos en liña e outras aplicacións, o que podería non funcionar en versións anteriores por mor das actualizacións das distintas API utilizadas. Queda por ver se Apple establecerá algún tipo de mecanismo para que os desenvolvedores poidan actualizar as versións vellas das súas aplicacións, para a corrección de erros e permitir que funcionen correctamente pese a non poder gozar das vantaxes da última versión do sistema operativo.
Os iPhone e iPad vellos poderán descargar versións anteriores das aplicacións
Compartir Este Artigo

