Xusto hoxe, en plena celebración do Tokyo Game Show (a feira de videoxogos máis importante de Asia), a prensa xaponesa está a dar a nova do pasamento dunha figura moi importante para o sector, Hiroshi Yamauchi, aos seus 85 anos de idade, e que destacou por estar 53 anos á fronte de Nintendo.
Yamauchi tivo un forte impacto en Nintendo, compañía na que traballou entre 1949 e 2002, por ser o encargado de dirixir a transformación da compañía dunha fábrica de naipes a unha empresa de videoxogos de ámbito global. De feito, un dos grandes acertos de Yamauchi foi decidir espallar o seu negocio aos EE.UU. en pleno boom dos videoxogos, conseguindo popularizar a consola doméstica Famicon (nome que recibe a Nintendo nos EE.UU.) e repetindo o éxito coa súa sucesora (a Super Famicon ou Super Nintendo). Tamén conseguiu trunfan no ámbito dos dispositivos portátiles, comezando coas Game & Watch e conseguindo que a Game Boy fose unha das consolas máis vendidas de todos os tempos, aínda que á meirande parte destes éxitos habería que facer responsables a figuras como ao enxeñeiro Gunpei Yokoi e ao deseñador de videoxogos Shigeru Miyamoto.
Falece Hiroshi Yamauchi, o responsable de converter a Nintendo nunha empresa de videoxogos
Compartir Este Artigo

