Dicía nun congreso recente unha persoa especialmente crítica coa influencia da Internet, que a Rede e os móbiles (paradigmas da información e a comunicación) só fornecían máis desinformación e máis incomunicación, precisamente por achegar máis datos e máis contactos dos que en realidade precisamos. Ao rematar a súa intervención, un asistente díxolle que en parte tiña razón, pero que tan malas non serían se se creaban ao seu abeiro iniciativas como a plataforma Change.org, unha entidade de ciberactivismo que dá acubillo no seu seo á inxente enerxía solidaria das persoas que loita por abrollar e que na Internet ten unha escusa, agora, para facelo. Change.org presentou recentemente datos sobre a súa influencia, e resulta que os galegos somos un piar moi firme na súa comunidade. De feito, dos 4,5 millóns de valedores que ten no Estado, 320.000 están na nosa terra.
Amais do devandito dato, dicir que a comunidade tamén informou que en España inícianse mensualmente unhas 3.000 peticións das máis variadas cuestións, algunhas moi xenéricas e outras moi específicas e que afectan teoricamente a franxas moi reducidas de poboación (pero que logo reciben a solidariedade de amplos colectivos de ciberactivistas, precisamente vía Change.org). Os galegos, como dixemos, estamos entre os que máis partido lle tiramos á plataforma, tal e como se amosa en iniciativas recentes que tiveron unha chea de apoios como por exemplo a campaña para propor aos veciños de Angrois ao Premio Príncipe de Asturias, a iniciativa para defender aos nosos cabalos salvaxes, a petición para traducir os sistemas operativos de Apple ao galego, a petición para traducir o Android á nosa lingua ou a campaña para defender o oso pardo. Asemade, e tamén tocando o terreo das TIC, Change.org acubillou recentemente unha proposta para acadar un trato máis igualitario, dende as institucións, aos enxeñeiros de Informática. Por certo que unha parte importante das iniciativas que se puxeron en marcha na dita web dende a nosa terra remataron en éxito, como por exemplo a campaña que se habilitou para impedir o proxecto de minaría de ouro en Corcoesto, un proxecto arestora parado polo Goberno galego.
Change.org conta xa con máis de 300.000 ciberactivistas galegos
Compartir Este Artigo
