
O evento celebrouse esta mañá na sala Eisenman do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela). O devandito relator, xerente de M2M de Telefónica España, centrou a súa intervención nas múltiples tecnoloxías 4.0 que están a transformar o ecosistema empresarial da nosa contorna, complementando esta aproximación ao smart cun percorrido histórico polas diversas revolucións tecnolóxicas que precederon a actual (un percorrido pola 1.0, a 2.0 e a 3.0, que é a que comezou en 1969 co afianzamento dos sistemas electrónicos de control e xestión e os primeiros pasos decididos da informática).
Segundo lembrou, o concepto 4.0 aséntase en 2011 e refírese en boa medida aos sistemas ciberfísicos, aos produtos intelixentes, á hiperconectividade, á Internet das Cousas e ao Coñecemento Masivo (Big Data). “Un dos seus meirandes retos”, sinalou, “é o a da eficacia”. Ou sexa, o de rematar co réxime de traballo de múltiples empresas afeitas a estragar grandes cantidades de enerxía en construír e fabricar cousas “que a xente non consume”, sinalou, facendo fincapé noutra das características da nova revolución industrial: tería capacidade, de ser ben xestionada e impulsada, para contrarrestar boa parte dos problemas medioambientais (exceso de gasto enerxético) ao que nos estamos a enfrontar.
Scagnetti tamén lembrou que queda moito por facer: hai moita xente que non sabe en que consiste minimamente o concepto de Industria 4.0, e só en Alemaña (líder neste ámbito) acádanse cotas salientables de coñecemento acerca disto. Tamén lembrou que nas grandes empresas hai máis información sobre as novas metodoloxías de traballo smart e sobre os seus principais obxectivos (optimizar custes de mantemento, mellorar a produción, prever e evitar riscos e fallos, traballar na seguridade na protección e na seguridade dos sistemas).

O evento de hoxe veu da man de Telefónica e co obxectivo de debater sobre futuros materiais e tecnoloxías nas que poder centrar a súa actividade as nosas empresas. Falouse por exemplo do grafeno (para moitos especialistas o material protagonista da seguinte revolución tecnolóxica), da impresión en 3D ou da robótica colaborativa ao servizo da produtividade. A cita foi inaugurada, ao fío das 10.30 horas, Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e Manuel Ángel Alonso, director de Telefónica en Galicia, que coincidiron en salientar o importante potencial innovador e desenvolvedor do emprazamento no que se celebrou a xornada: o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia, que acubilla entre outras o centro de crowdworking Telefónica Open Future, onde ducias das nosas novas empresas poñen a punto todo tipo de solucións e servizos innovadores no ámbito TIC. O obxectivo da xornada foi, sinalaron, “analizar a aplicación das tecnoloxías de última xeración na industria e valorar como están a transformar non só o modelo de negocio senón a forma de traballar nesta contorna”.
O núcleo da xornada artellouse en catro mesas de traballo dirixidas por expertos de prestixio neste tipo de tecnoloxías. Michael Loughlin, director de Nelmia Robotic Insight, coordinou a de robótica colaborativa e a súa pegada na produtividade; Javier Soria, de Telefónica Dixital Identity & Privacy, a de ciberseguridade e mecanismos de protección de datos en sistemas de información interconectados; Amaia Zurutuza, directora científica en Graphenea, experta en investigación e aplicación en grafeno, coordinou a adicada a este material; e Carlos Merchán, deseñador industrial de I+D de Telefónica, tutelou o debate sobre a aplicación da impresión 3D nos procesos produtivos.
Telefónica animou ás empresas galegas a subirse ao carro das metodoloxías 4.0
Compartir Este Artigo

