Este mércores celebrouse no Centro A Molinera a clausura da actividade da primeira Lanzadeira de Emprego da cidade da Ourense, unha iniciativa para favorecer a inserción laboral xuvenil impulsada por Telefónica, a Fundación Santa María A Real e máis o Concello (complementándose, como lembraremos, con outras cinco iniciativas “irmás” en Arteixo, Lugo, Marín, Redondela e Santiago). O evento desenvolveuse baixo o epígrafe Lanzados polo tempo. Onte e hoxe do mercado laboral. Congregou a empresarios, desempregados e responsables de recursos humanos para analizar xuntas/os as novas coordenadas do mercado laboral.
Como recordaremos, a Lanzadeira de Emprego de Ourense comezou a funcionar o 18 abril cun equipo de 25 mozos que participaron no programa co obxectivo de coñecer novas ferramentas de procura de traballo “máis acordes ao mercado actual, reforzar as súas habilidades e contar con novas oportunidades de inserción laboral”.
O encontro profesional deste mércores tivo como obxectivo favorecer o contacto máis directo posible coas empresas, amais de amosar o crecemento persoal e profesional logrado. O evento comezou ás 11:30 horas coa presentación dos participantes actuais da lanzadeira e as actividades desenvolvidas neste cinco meses. A continuación, celebrouse o coloquio Onte e hoxe do mercado laboral, a cargo de Mario Dacosta, presidente do Grupo Hispamoldes. Logo, ás 12.30 horas, desenvolveuse a mesa redonda Que calidades búscanse nun/nunha candidata/o?, na que interviñeron Myriam del C. Arias, directora de Randstad Ourense; Luis Barro, presidente de AJE Ourense; Juan Luís Vázquez, director xeral de Peares-Centro de Inmersión Lingüística; e Carla Reyes, xornalista e presidenta da Asociación Executivas de Galicia.
O encontro proseguiu ás 13:15 horas coa presentación dos resultados da Lanzadeira de Ourense por parte de Joan Cruz, director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica e do alcalde, Jesús Vázquez Abad; e un espazo final de aperitivo-networking no que mozas e mozos da lanzadeira, empresarios e recrutadores puideron interactuar directamente e analizar as principais diferenzas do mercado laboral de antes e agora ou a importancia que adquiriron as novas tecnoloxías ao respecto.
A primeira Lanzadeira de Ourense celebrou o seu acto de clausura
Compartir Este Artigo

