A XI edición do certame Master the Mainframe, organizado por IBM EDGE 2016 e celebrado estes días en Las Vegas (EE.UU.), elixiu como gañador internacional a un estudante galego do Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña, Antonio Álvarez R. Neste encontro, que contou coa participación de 18.000 estudantes de 47 países, Antonio Álvarez (graduado en Enxeñaría Informática da UDC) fíxose co primeiro lugar seguido de Esteban Solis-Reyes (da Universidade de Western Ontario, Canadá) e Dong Pan (da Universidade de Electrónica de Ciencia e Tecnoloxía de China).
Para aqueles que o descoñezan, os mainframe son computadores de moi altas prestacións que se empregan para tratamentos de datos e para cálculos moi voluminosos e complexos, que requiren un sistema robusto e capaz de manterse funcionando longos períodos de tempo e garantir a continuidade dos procesos críticos das organizacións.Estes equipos teñen características moi específicas e diferentes do resto de ordenadores. Atendendo a isto, Master the Mainframe pedía aos participantes completar unha serie de tres desafíos cada vez máis difíciles, comezando coa navegación básica mainframe para un proxecto encamiñado a enfrontar un escenario do mundo real.
Volvendo ao estudante gañador do devandito certame, lembrar que os seus éxitos con IBM remóntanse ao pasado mes de marzo, cando obtivo a edición estatal do premio Master the Mainframe, edición 2015, logo de ter superado diferentes probas ao longo dun período de tres meses. A entrega do recoñecemento celebrouse o pasado 4 de marzo durante o evento IBM z Sytems redefine o negocio dixital. Os representantes da división española da multinacional salientaron a capacidade de Antonio Álvarez (Vigo, 1992) para tirar abaixo calquera límite ou atranco que puidera ter a investigación avanzada do ámbito mainframe.
O estudante da UDC Antonio Álvarez proclámase gañador mundial do concurso de IBM Master the Mainframe
Compartir Este Artigo

