O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de pór a disposición da entidade bancaria Abanca tecnoloxías de recoñecemento facial para a súa nova sede en Madrid, unhas oficinas de cuxa posta en marcha falamos recentemente en Código Cero salientando, precisamente, a súa aposta pola innovación en todos os seus ámbitos de acceso e traballo. Segundo nos conta de primeira man o centro tecnolóxico galego, a entidade bancaria integrou os desenvolvementos de recoñecemento biométrico de Gradiant (máis polo miúdo o seu detector de expresións faciais) dunha maneira certamente innovadora. En concreto, como substituto do botón para chamar ao ascensor.
“Tendo en conta isto”, explica Gradiant, “cando un empregado ou cliente de Abanca queira empregar un dos elevadores dentro da súa nova sede do centro de Madrid, no canto de premer o tradicional botón de chamada deberá exhibir un gran sorriso á pantalla da consola de mando”. De feito, grazas a este simple e, por outra banda, alentador aceno, o sistema será quen de detectar de forma automática o sorriso do usuario e activará así o mecanismo de chamada do ascensor.
Para Gradiant, o devandito é un exemplo de aplicación das tecnoloxías de computación afectiva nas que o centro tecnolóxico leva anos traballando, eido no que investiga e desenvolve ferramentas para determinar o estado de ánimo das persoas a través do recoñecemento biométrico. Segundo explican fontes do centro, “non é a primeira vez que pomos estas tecnoloxías ao servizo das empresas, de feito hai uns anos anos e coincidindo co seu último ascenso a Primeira División de LaLiga, o Deportivo da Coruña utilizounas para a súa campaña DeporFelicidad, cun gran éxito entre os seus seareiros”.
Gradiant Biometrics
O equipo de traballo en Biometría de Gradiant atesoura máis de dez anos de experiencia en investigación biométrica, e conseguiu transferir con notable éxito as nosas tecnoloxías seguras cara a sectores como o da banca, a saúde e o da seguridade. Para Gradiant, a clave do éxito no desenvolvemento dun sistema biométrico está ligada a tres grandes conceptos: a seguridade, a comodidade e a dispoñibilidade. Estes tres principios está integrados en todos os seus desenvolvementos.
Seguindo esta filosofía, Gradiant fornece á industria coas súas nosas tecnoloxías de biometría para dispositivos móbiles en tres modalidades complementarias: faciana, voz e recoñecemento de sinatura. As tres variantes poden empregarase por separado ou combinadas, para aumentar a súa seguridade e efectividade.
Gradiant achega avanzadas tecnoloxías de recoñecemento facial á nova sede de Abanca en Madrid
Compartir Este Artigo

