
Para isto, a entidade que preside Alonso Motero abriu unha nova xanela en liña específica, na que se irá dando a coñecer a totalidade dun catálogo integrado por 32.628 documentos ligados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade. Segundo informa a RAG, “este servizo en liña ofrece ademais copias dixitais de case 3.750 destes documentos”.
A entidade explica que a iniciativa implicou a migración do rexistro descritivo do Arquivo de seu desde o antigo sistema de xestión á nova aplicación no contexto do proxecto Arquivo Dixital de Galicia (ARPAD), promovido polo Servizo Xeral de Arquivos da Xunta de Galicia. Ao fío disto, a RAG activou na súa páxina unha ligazón específica (academia.gal/arquivo-fondos) á web da devandita ferramenta, que dá acceso aos catálogos de máis de trinta arquivos de distintas institucións galegas. Estes trocos, engade a entidade galega, facilitarán a consulta dos fondos propios á comunidade investigadora e “a calquera persoa interesada na historia e a cultura galegas”. A idea da RAG, a maiores, é “avanzar no compromiso coa divulgación do legado preservado”.
Entre os fondos dixitalizados por completo, a Academia salienta o dos irmáns da Iglesia (que abrangue documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses no ano 1589), o fondo de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina.
O Arquivo, a maiores, prevé incorporar en datas vindeiras a colección de pergameos, con documentos de 1088 a 1756 de compravendas, foros, sentenzas xudiciais ou bulas.
A RAG tamén subliña o fornecemento da copia dixital de manuscritos de incalculable valor, como o poema Os pinos de Eduardo Pondel, a letra do no noso himno. Tamén se achega a obra teatral O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e de textos de Curros Enríquez, Fermín Bouza-Brey ou o padre Sarmiento; fotografías de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Marcial del Adalid; ou o tumbo de Caión (1582-1787).
A RAG comeza a envorcar o seu Arquivo na Rede
Compartir Este Artigo

