A empresa galega Situm, que dá nome á innovadora plataforma de localización e navegación en interiores da que temos falado en Código Cero en múltiples ocasións (co gallo da súa participación no South Summit 2017 ou a conto do premio entregado polo CPEIG), vai estender a Turquía a súa tecnoloxía. Este proceso de espallamento de Situm, que xa funciona en diversos hospitais españois, será posible grazas á colaboración con Medrics, desenvolvedor referente de aplicacións para sanidade no devandito país. A alianza abrangue a construción de novas solucións para máis de 100 hospitais turcos.
Segundo informa Situm, o obxectivo deste acordo é “o de mellorar a experiencia de usuario dos pacientes e a eficiencia operacional para os provedores de servizos médicos”. O proceso, engaden fontes da empresa galega, “implicará a implantación en Turquía da mesma tecnoloxía que xa demostrou os seus beneficios en 25 hospitais e centros médicos españois”.
A respecto do alcance presente e futuro do dito acordo, Altug Ozdamar, director xeral de Medrics, comenta que xa se despregaron servizos combinados en dous hospitais urbanos e dous centros médicos privados, chegando a cincuenta centros antes do verán de 2018 e outros cen para finais de 2019, cun potencial de máis de mil hospitais en toda Turquía. Para Gregory Botanes, director xeral de Situm, esta alianza “permitirá guiar a pacientes e visitantes no interior das infraestruturas sanitarias, mellorando a experiencia de usuario e facilitando unha relación máis próxima e eficiente entre os cidadáns e o sistema sanitario”.
Os primeiros dous hospitais que se beneficiarán dos servizos de Situm e MEDRICS serán os Campus Hospitalarios de Mersin e Bilkent. Segundo engade Situm, o de Mersin é o primeiro hospital urbano da rexión e o máis grande da zona en termos dun único edificio monobloque.

O hospital de Bilkent será o segundo centro médico en recibir a tecnoloxía de localización en interiores de Situm e Medrics. A respecto da súa relevancia, a firma galega explica que o hospital de Bilkent é o maior proxecto público/privado de Turquía en cuestión de sanidade, “e será o hospital máis grande de Europa e o maior centro médico do mundo construído nun único bloque”. Ademais, abrangue unha área de máis dun millón de metros cadrados e unha capacidade para preto de catro mil camas.
Situm levará a hospitais de Turquía a súa tecnoloxía de navegación en interiores
Compartir Este Artigo

