Na presentación de macOS Monterey no marco da WWDC do mes de xuño destacouse unha función moi interesante chamada Control Universal, que prometía facilitar traballar en varios equipos distintos (como un ordenador Mac e un iPad) cun único teclado e rato (ou trackpad) de xeito que o cursor poder moverse entre as pantallas dos distintos equipos e incluso mover contido dun a outro.
Pero esta prestación, que tiñan que ter recibido os usuarios de macOS o pasado mes de outubro está a adiar a súa chegada sen explicacións por parte de Apple, que pese ás distintas actualizacións de macOS Monterey non parece atopar o momento axeitado para estrear o Control Universal, polo que podemos entender que a funcionalidade estaba moi pouco madura durante a súa presentación e precisaba de moito desenvolvemento para unha operación sen problemas. O que si temos agora é unha actualización da páxina web de Monterey na que incorporan unha anotación baixo a descrición do Control Universal que indica que estará «dispoñible esta primavera», polo que cando menos queda a esperanza de recibir a función antes da vindeira grande iteración de macOS.
O Control Universal de macOS adíase ata primavera
Compartir Este Artigo
