Dende Twitter anuncian que nesta nova etapa con Elon Musk ao temón defenden a liberdade de expresión sen medo á censura, pero admiten que hai que manter unha plataforma segura con certas regras. Baixo este pretexto aseguran que a liberdade de expresión non supón liberdade de alcance, ou sexa, que en vez de eliminar os contidos que violan as súas normas optarán por reducir a súa visibilidade.
Para que as medidas de filtrado que reduzan a visibilidade dos contidos sexan transparentes, contarán cunha etiqueta que indicará que a visibilidade está reducida, para que os usuarios sexan conscientes diso e poidan incluso apelar a decisión de reducir a súa visibilidade.
Os contidos con visibilidade reducida non aparecerán nos resultados de busca e non amosarán publicidade ao seu carón.
Esta nova política de Twitter resulta extremadamente confusa, xa que Twitter ten a obriga de borrar os contidos ilegais (e os discursos de odio son ilegais en moitos países), e a non eliminación de certos contidos de Twitter simplemente reducindo a súa visibilidade non ten encaixa lexislativo, o que podería ter serias consecuencias para Twitter, especialmente en territorios como a Unión Europea.
Máis polémicas pola etiquetaxe de medios públicos
Recentemente Twitter comezou a etiquetar medios públicos como a BBC, NPR e PBS como financiados polo Goberno, ou sexa, cunha consideración como a dos medios de propaganda de estados autoritarios, provocando unha grande indignación por parte destes medios, e no caso da NPR e PBS incluso optaron por cesar a súa actividade en Twitter.
A polémica segue a medrar, e agora contan coa denigrante etiqueta medios como as australianas ABC e SBS, a neocelandesa RNZ, as suecas SR Ekot e SVT e a catalá TV3, que nalgúns casos xa se manifestaron en contra da acción de Twitter, por considerala inxustificable. Por exemplo, ABC reciben fondos estatais, pero funciona como un medio de comunicación independente, libre de intereses políticos e comerciais; e a CBC segue os pasos da NPR e PBS e anuncian que cesan a súa actividade en Twitter ante as acusacións de que o seu xornalismo non é imparcial e independente.
Polo momento TV3 non adoptou ningunha postura ante a etiqueta que denunciaría que son un medio de propaganda ao servizo do Goberno autonómico. Aínda que RTVE tamén ten a etiqueta da polémica, medios autonómicos como EITB, Canal Sur, À Punt, Aragón TV ou a TVG aínda non están etiquetados como medios financiados polo seu Goberno.
ACTUALIZACIÓN: No caso da CBC Elon Musk recuou e eliminou a polémica etiqueta da súa conta.
