Tras a eliminación dos selos de verificación de cor azul ás contas de Twitter que recibiran tal etiquetaxe hai anos, practicamente todas as celebridades e contas relevantes deixaban de lucir a marca azul que facilitaba comprobar a súa autenticidade. Tal foi o fracaso da táctica de Elon Musk para que as figuras relevantes se subscribisen a Twitter Blue, que o propio Musk, sen respectar a súa vontade, chegou a subscribir ao servizo a usuarios críticos como LeBron James, William Shatner e Stephen King, o que podería considerarse unha fraude, xa que facíase publicidade de que eses usuarios estaban subscritos a Twitter Blue, dando a entender que pagaban mensualmente polo servizo.
Pero Musk non rematou nesas tres contas de usuario (das que asegurou que pagaba as subscricións do seu peto), senón que durante a fin de semana proliferaron as contas que recuperaron a marca azul, asegurando varios dos beneficiarios que non se subscribiron a Twitter Blue e, nalgúns casos, incluso que tampouco facilitaran o seu número de teléfono (detalle significativo, xa que a nova definición das marcas azuis é que as contas «están subscritas a Twitter Blue e verificaron o seu número de teléfono») e expresan que non contan con posibilidade ningunha de eliminar a subscrición a Twitter Blue para deixar de lucir a marca azul, ou sexa, que estamos ante unha táctica publicitaria do servizo no que se aproveitan as contas máis relevantes para promocionar un servizo de pagamento de xeito fraudulento.
Estímase que das antigas contas verificadas apenas o 4,8% pagan por unha subscrición de Twitter Blue, pero Twitter podería estar a agasallar milleiros, facendo que esteamos ante unha situación moito peor que o anterior criterio para recibir a marca azul, que era considerado arbitrario, e agora incluso o é máis, xa que parte a arbirariedade anterior e súmalle a arbitrariedade de Musk.
O último cravo no ataúde do novo sistema de verificación de Twitter é que entre as moitas contas que están a recuperar a marca azul figuran as de celebridades falecidas, como Kobe Bryant, Michael Jackson, Chadwick Boseman ou Paul Walker. Temos así que a marca azul é máis inconsistente que nunca, pois se algo está claro é que non podemos considerar como propios dunha persoa os chíos da súa conta póstuma.
Problemas coas contas de empresa
Que as empresas poidan optar agora a un novo tipo de marca (de cor dourada) tampouco está libre de problemas, e que teñan que pagar 1.149,50 euros/mes tamén está a crear problemas moi serios, xa que dentro da política das contas de pagamento de Twitter figura a opción de que non aceptan devolucións dos cartos (algo que na meirande parte dos escenarios é claramente ilegal), o que provocou conflitos con varias solicitudes rexeitadas, que só conseguiron que se lle reintegrase o pagamento realizado tras involucrar aos seus avogados.
Pero non só o sistema dá problemas por defecto, senón tamén por exceso, quedando claro no caso da conta @DisneyJuniorUK, que conseguiu a marca dourada indicando que é unha organización oficial cando esa conta non tiña ningunha relación oficial coa Disney e incluso publicaba insultos raciais xunto con moitas outras publicacións paródicas (como anuncios de que ían estrear en Disney Junior no Reino Unido algunhas series de animación para adultos). A conta falsamente verificada está actualmente suspendida, pero foi despois de que o escándalo saltase aos medios de comunicación e a propia Disney esixise responsabilidades a Twitter, deixando claro que os criterios de control para a verificación de contas son practicamente nulos.
