O operador R presentou esta mañá o seu balance de actividade en 2022, salientando o incremento da súa base de clientes pese ás dificultades do mercado actual á vez que tamén mellorou as súas redes de fibra e móbil achegando un mellor servizo, o que traduciuse nunha mellora da satisfacción dos seus clientes.
R pechou 2022 con preto de 205 mil servizos fixos de banda larga e 400 mil liñas móbiles de contrato, ata sumar máis de 600 mil clientes dos servizos de telecomunicacións da compañía que pertence ao Grupo MásMóvil, que en Galicia supera xa os 1,1 millóns de clientes (315 mil de banda larga fixa e 800 mil de liñas móbiles de contrato).
O director de R e do Grupo MásMóvil en Galicia, Alfredo Ramos, asegurou que están moi contentos de seguir a ser «a marca de referencia para os galego e as galegas, con forte arraigo e implicación local. Ademais, somos líderes en fibra óptica e melloramos aínda máis a nosa cobertura móbil, ao tempo que ofrecemos tamén 5G nos nosos servizos converxentes de telecomunciacións».
Ramos asegura que R chega a practica totalidade dos concellos galegos coa súa rede de fibra óptica, achegando xa a 1,6 millóns de vivendas e empresas comercializables fibra óptica última xeración, de xeito que sería líder do mercado en cobertura deste tipo de infraestrutura. Tamén salienta que xa o 85% da poboación galega goza de cobertura 5G de R, confiando en que ao longo de 2023 a 5G poidan igualar a cobertura que actualmente existe coa 4G en Galicia, o que é especialmente importante xa que a 5G está a ter unha boa aceptación como solución para levar a Internet aos puntos do rural aos que non chega a fibra óptica (que serían uns 300.000 fogares segundo as estimacións de R).
Cuestionado sobre o futuro apagamento da 3G e a aposta das tecnoloxías de VoLTE e VoWiFi o director de R asegurou que xa están a traballar na activación dos servizos de voz sobre a rede 4G, o que suporá unha mellora na calidade das chamadas, así como un uso máis eficiente das redes de telecomunicacións, aínda que non puido precisar un prazo para a activación do VoLTE na rede de R.
Con respecto da futura fusión entre o Grupo MásMóvil e Orange Alfredo Ramos comentou que o obxectivo da operación o que suporía é unha maior capacidade para investir na infraestrutura de telecomunicacións, confiando na conservación das identidades das distintas compañías, pois cre que teñen demostrado en MásMóvil que unha xestión multimarca pode ser competitiva. «Estamos demostrando que se pode medrar con cotas de mercado altas se fas o importante: poñer o cliente no foco de verdade» – engadiu Ramos.
R incrementa a súa base de clientes en 2022 e mellora a súa conectividade
Compartir Este Artigo
